Sthela Táboas 10/02/2022

Esta esixente competición multixornada e multievento contará con participantes de toda Europa que porán ao límite o seu estado físico no desenrolo de probas de alta densidade de ximnasia, powerlifting, halterofilia, carreira, remo…

Esta mañá presentouse no Concello de Mos a terceira edición dos Centaurus Games, un campionato internacional de crossfit que se celebrará a vindeira fin de semana nas instalacións do ximnasio mosense Centaurus Box, ubicado na Baixada a Cabral número 6, no Polígono A Portela 86, Nave 7A-7B, da parroquia de Tameiga.

Na presentación, celebrada no salón de sesións da Casa Consistorial mosense con posterior visita ao centro deportivo Centaurus Box, estiveron presentes a alcaldesa, Nidia Arévalo; o Xefe do Servizo Provincial de Deportes de Pontevedra da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Daniel Benavides; o concelleiro de Deportes de Mos, José Areal; o propietario de Centaurus Box e presidente do Club de Halterofilia Centaurus, Francisco Javier Fandiño; e o representante da marca Lion Crew, Miguel Dosantos.

Os III Centaurus Games son unha competición internacional de crossfit promovida polo Club de Halterofilia Centaurus que leva celebrándose desde o ano 2018.

Esta terceira edición celebrarase os vindeiros, sábado 12 de febreiro, e domingo 13 nas instalacións de Centaurus Box en Tameiga, inauguradas no ano 2012. Participarán 300 atletas de ata 7 nacionalidades diferentes, procedentes de toda Europa, chegados desde distintos lugares de España, Portugal, Francia, Grecia, Italia, San Marino… entre outros países. Os inscritos contan con idades desde os 16 anos e compiten en diferentes categorías, desde iniciación ata élite e tamén veteranos. Cada categoría divídese en seccións masculina e feminina.

A acollida desta terceira edición do campeonato foi todo un éxito, pois desde que se abriu o prazo de inscrición, cubríronse as 300 prazas dispoñibles en tan só 48 h.

Desde a organización deste gran evento deportivo declaraban esta mañá que “na súa terceira edición os Centaurus Games serán unha esixente competición
multixornada e multievento, na que atletas de élite de todo o mundo compiten na proba definitiva do estado físico. As probas mantéñense en segredo ata xusto antes da competición, e os atletas adestran todo o ano para prepararse para os desafíos descoñecidos aos que se enfrontarán.

Os Centaurus Games conteñen una ampla gama de movementos funcionais de alta intensidade, incluíndo habilidades de ximnasia, powerlifting, halterofilia, carreira, remo e máis.

Explican que “os atletas poden realizar arrancadas, tentar pesos mortos, trepar cordas, escalar obstáculos, levantar sacos de area, calquera movemento é valido se pon a proba a habilidade, o estado de forma xeral e a determinación. O obxectivo de Centaurus Games é realizar en Mos o maior evento de Crossfit realizado, tras a aparición da pandemia da COVID-19. Creando unha competición de alto nivel con categorías adaptadas a todos os xéneros e niveis. Retomando o camino traballado en edicións anteriores, volvendo poñer esta competición no top do devandito deporte para brindar un espectáculo inigualable na Península Ibérica, cunha competición para 300 atletas de toda Europa. Contando coas incribles instalacións do Centro Deportivo Centaurus, que albergan unha proba que achegará ao Concello de Mos, do mesmo xeito que en edicións anteriores, a afeccionados do Crossfit dende as veciñas Portugal ou Francia ao resto de Europa, e que descubrirán que Mos non é un lugar de paso, se non un lugar para gózalo”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad