Esta decisión adóptase tras reunións coas comparsas participantes e escoitar o seu parecer dada a actual condición sanitaria
O Concello de Tui non organizará este ano nin o tradicional Desfile de Entroido de comparsas e grupos nin o Enterro do Bacallau ao considerar que, debido á pandemia, non se dan as condicións axeitadas para as súa celebración.
Antes de tomar esta decisión o Concello de Tui mantivo dúas reunións para coñecer o parecer e as perspectivas para este ano das comparsas que adoitan acudir ao Entroido Tudense. Á primeira delas foron convocadas catro comparsas tudenses e á segunda foron citados os representantes de 22 comparsas que nos últimos anos teñen acudido á cita co Entroido tudense.
Tras escoitar o parecer das distintas comparsas, algunhas delas paradas este ano, e avaliar a actual situación, dende o concello de Tui tómase a decisión de non celebrar nin o Desfile de Entroido nin o Enterro do Bacallau. Acórdase tamén estudar outro tipo de celebración deste festexo, que sexa viable nas actuais condicións, e que cumpra coa normativa establecida. Un tema no que se está a traballar nestes momentos. Con respecto aos dous grandes eventos do Entroido tudense aproveitarase o parón deste ano, para, escoitando ás comparsas, estudar posibles cambios a aplicar de cara a 2023 para potenciar así este festexo tradicional.
Dende a concellería de Cultura, quérese agradecer as comparsas convocadas a súa asistencia ás reunións celebradas, así coma o seu parecer, tendo en conta que sen elas esta celebración non sería posible, e agardando que o ano que ven, se poidan levar a cabo estes eventos xa nunha situación de normalidade.
A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, explica que decisión foi tomada de forma conxunta coas comparsas. Sinala que “a realidade é que non había un grupo mínimo para poder conformar un desfile coas condicións mínimas, e nos vemos abocados a non celebralo”. Engade que “incluso plantexamos cambio de percorrido… pero era literalmente imposible levalo a cabo”. De todos xeitos anuncia que “algo dende o concello se fará con todas as medidas de seguridade” e convidá á cidadanía a “a que o Martes de Entroido se disfrace e viva o Entroido aínda que non teña lugar o Concurso-Desfile”.