O secretario xeral do PSdeG-PSOE provincial afirmou que “as medidas do Plan Estatal de Vivenda 2022-25 converten o acceso a unha vivenda digna, do artigo 47 da Constitución, nun auténtico dereito”
O Plan Estatal de Vivenda 2022-25, aprobado polo Consello de Ministr@s o pasado xoves repercute directamente na vida das 95.000 persoas de entre 18 e 35 anos residentes na provincia de Pontevedra. O Bono “Xoven” dirixido a esta franxa de idade, cunha axuda de 250 € ao mes durante dous anos, xunto co resto de medidas previstas no Plan, é unha moi boa nova para a provincia de Pontevedra. Así o afirmou o secretario xeral do PSdeG-PSOE provincial, David Regades, quen compareceu xunto á senadora María Adrio e a deputada Ángeles Marra.
Regades aludiu tamén ao programa específicoincluído no Plan Estatal para subvencionar a construción ou creación de bolsas de vivendas para alugueiro e que contribuirá a paliar a carencia de vivenda protexida en Galicia derivada dos 13 anos do Goberno Feijoo na Xunta de Galicia. “O acceso a unha vivenda digna, previsto no artigo 47 da Constitución, será un auténtico dereito.” O Plan Estatal, recalcou, é unha aposta decidida pola vivenda e supón tamén o fin dos recortes do Partido Popular recuperando, por exemplo, a dedución no IRPF por obras na vivenda habitual. “Hai máis fondos que nunca, este Plan Estatal é a chave e a porta do acceso a unha vivenda para moita xente”.
A senadora María Adrio retratou o fracaso da Xunta de Galicia no impulso á vivenda protexida. Así concretou que hai 8.016 unidades de convivencia inscritas no Rexistro de Demandantes da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra, que son mil máis que as que agardan na suma das outras tres provincias galegas. Delas, 7.045 agardan por unha vivenda en alugueiro que nunca chega. En Vigo hai 5.735 unidades familiares agardando, en Pontevedra, 956; en Vilagarcía, 262; no Porriño, 102; en Cangas, 96; en Marín, 82; en Poio, 76 ou en Cambados, 22. “Hai un enorme déficit de vivenda protexida, moi especialmente en alugueiro, en Galicia e o problema máis grave, con diferencia, está na provincia de Pontevedra”, engadiu. Un déficit que ten moito que ver coa nula construción de vivendas protexidas durante o Goberno Feijoo, que estreou só 2 vivendas protexidas en todo o ano 2015, 8 en 2018 ou tan só 4 en 2019. O legado de Feijoo dende que é presidente é un parque público de vivendas inferior ás 7.000 (case as mesmas que construíu a Xunta de Touriño tan só nos seus dous últimos anos). Ningunha delas, rematou, está dispoñible para alugueiro.
Ángeles Marra definiu o bono alugueiro para as persoas mozas do novo Plan Estatal de Vivenda 2022-25 como unha “medida sen precedentes” e explicou que as axudas poden ser mesmo maiores para o caso dos pisos compartidos. Concretou que o Goberno prevé un gasto de 400 millóns de euros entre este ano e o seguinte para estes bonos. Marra denunciou que só un 15% dos mozos/as galegos/as conseguiron emanciparse, segundo os últimos datos do Observatorio da Emancipación. En Galicia, engadiu, traballan un 31% das persoas mozas e perciben un salario inferior ao da media española, polo que medidas como a Reforma Laboral ou este Plan Estatal de Vivenda “dignifican a vida das persoas e isto sempre, a pesar do negacionismo do PP que se opón a todo e a actitude covarde do BNG, que tampouco apoia”.
Finalmente denunciou que a liquidación dos últimos Orzamentos da Xunta de Galicia demostraron que Feijoo deixou sen gastar 2 de cada 3 € previstos das escasas partidas previstas para políticas autonómicas de vivenda, evidenciando así o seu desinterese por este asunto no que ten as competencias exclusivas dentro da comunidade autónoma.