Sthela Táboas 24/01/2022

Unha moción traslada as demandas das empregadas de axuda no fogar máis da Plataforma SAF Galiza

As traballadoras do Servizo de Atención ao Fogar  -SAF-, un servizo municipal prestado ás persoas dependentes, estarán representadas por EU SON no vindeiro Pleno do Porriño, que reproducirá as súas demandas laborais.

Dende EU SON indican que o SAF “é un dos piares que sustenta o noso Sistema de Atención á Dependencia. Trátase dun sector, maioritariamente feminizado, que proporciona atención en domicilio a persoas con dificultades para o seu desenvolvemento habitual. Un servizo fundamental para a dignidade das persoas en situación de vulnerabilidade no que, como coa maioría de tarefas relacionadas cos coidados, as condicións de traballo están precarizadas e non se corresponden co valor real para a sociedade”.

As traballadoras piden ao Concello do Porriño “a revisión do cumprimento pola empresa concesionaria do SAF do estipulado no convenio colectivo, máis o compromiso de estudar a viabilidade da prestación directa, á xestión netamente pública”. Así mesmo esixen que “se inste á Xunta á negociación dun novo convenio colectivo; ao recoñecemento polo Ministerio de Sanidade, das enfermidades profesionais específicas e a inclusión dos contaxios por COVID como enfermidades profesionais (igual que o persoal sanitario).

As profesionais de asitencia domiciliaria tamén reclaman que “dende o Concello se inste ao Ministerio de Seguridade Social ao establecemento da redución da idade da idade de xubilación e, ao Ministerio de Traballo, a avaliación dos postos de traballo tal e como se especifica na Lei de Prevención de Riscos Laborais”.

Dende EU SON, puntualizan, “en contacto permanente coa Plataforma SAF Galiza” consideran que “é de xustiza atender estas peticións das traballadoras e que, en primeira instancia, o Concello debe vixiar o cumprimento estrito do actual convenio e traballar xa para a municipalización do servizo. A xestión a través de empresas externas é incompatible cos coidados porque sempre vai pesar o beneficio económico antes non o benestar das persoas dependentes e as súas familias”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad