Para ofrecer unha xornada segura non haberá nin actuacións estáticas nin o Belén vivinte
Con moita prudencia e pedindo responsabilidade, o Concello de Mos anuncia que amplía o seu tradicional percorrido do desfile de carrozas da Cabalgata de Mos pola Adv. de Sanguiñeda. Deste xeito, evitaranse as aglomeracións ofrecendo a posibilidade de que todas as familias poidan manter as distancias e desfruten igualmente desta data máxica para os máis cativos.
O mércores día 5 de xaneiro, ás 18.00 h, as carrozas das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, desfilarán pola Avd. de Sanguiñeda -dende a Ponte de Senlle ata a rotonda de Costilleta-. Non terá lugar como outros anos as actuacións estáticas nin o Belén vivinte, pero dende o concello apostan igual por este formato que indican “haberá sitio de abondo para que a veciñanza poida estar moi repartida”.
Os Reis Magos estarán acompañados polos nen@s do grupo de Pop-Rock os “King Kids”, gañadores do primeiro premio do concurso televisivo da TVG, á mellor canción do Nadal.
Tamén acompañarán aos Reis, ás catro Rondallas mosenses: a Rondalla do Centro Cultural de Torroso, a Rondalla da Asociación Cultural de Herville, a Rondalla do Santiaguiño de Guizán e a Rondalla Santa Eulalia de Mos. A Alcaldesa de Mos anima ás familias para que se acheguen ata Sanguiñeda, pero pide “moita prudencia e responsabilidade para que entre todos se logre unha xornada segura”.