A Catedral de Tui protagonista do selo que se poderá empregar dende este luns, 3 de xaneiro, no franqueo de cartas de ata 20 gr dirixidas á Península e Baleares
A Deputación de Pontevedra vén de coñecer que a Dirección de Filatelia da Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos resolveu que ao longo do 2022 vai emitir e poñer en circulación un selo de correo conmemorativo da provincia correspondente á serie “12 meses. 12 selos”. Deste xeito a provincia será protagonista no 2023 desta iniciativa de Correos a través dunha imaxe do claustro da Catedral de Tui que servirá para espallar por boa parte da xeografía estatal o seu patrimonio cultural, artístico e monumental.
“Trátase dunha moi boa nova –remarcou a presidenta provincial Carmela Silva- xa que a Comisión Filatélica do Estado recibe anualmente numerosas peticións para incluír a diferentes destinos turísticos na serie “12 meses. 12 selos” pero debido ao limitado número de efectos postais que se emiten non todos poden formar parte da iniciativa”. Deste xeito, a partir deste luns, 3 de xaneiro, o selo da catedral de Tui, cun valor de 0,75 €, acompañará ás cartas de ata 20 gr que circulen na Península e Baleares e empregarase como único tipo de franqueo en todos os envíos que se admitan nas oficinas da provincia.
A imaxe do selo, que ten un tamaño de 35×24,5 mm, está conformada polo claustro da catedral de Tui sobre a que figuran as iniciais da provincia “PO”. A catedral de Santa María de Tui foi iniciada no século XII. De estilo románico na súa planta, muros exteriores e portada norte, conta cunha magnífica iconografía nos seus capiteis. Ao estilo gótico pertence a fachada principal, primeira deste estilo realizada na Península Ibérica. No seu interior destaca o retablo, o altar, así como o Museo Catedralicio ou o claustro, o único gótico conservado nas catedrais galegas e protagonistado selo de Correos.