Sabela Landín 28/12/2021
mos

O transporte metropolitano bonifica aos usuarios permitíndolles un aforro que pode acanzar os 600 euros ao ano

A alcaldesa mosense lamenta as, unha vez máis, desafortunadas declaracións do seu homólogo vigués e insiste en que “é Vigo o que quita beneficios aos usuarios por non querer adherirse”

Ante unha nova saída de tono de Caballero a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, califica as súas declaracións de “burla cara aos usuarios e os concellos” e defende a renovación da Xunta de Galicia do Plan de Transporte Metropolitano cos concellos da área de Vigo adheridos. Plan ao que a Xunta inxecta unha nova dotación económica de 2,7 millóns de euros para os vindeiros 2 anos e que o alcalde da cidade olívica define como “un convenio para quitarle dinero a los ayuntamientos”.

Neste sentido a rexedora local mosense acláralle ao seu homólogo vigués que “a Xunta vai investir 2,7 millóns de euros máis para manter activo durante os vindeiros 2 anos o Plan de Transporte da Área de Vigo. É un Plan social con bonificacións para os usuarios que permite aforros de ata 600 euros anuais por usuario. Dá servizo, non lle quita diñeiro a ninguén. É Vigo o que quita beneficios aos usuarios por non querer adherirse”.

No caso de Mos, ao igual que o resto de municipios adheridos, o Concello asume o 15% do custe e a Xunta o 85%.

“Vigo no le va a pagar nada a la Xunta. Vigo paga el transporte de los de Vigo en Vigo”. “Vigo nunca va a aceptar un convenio para pagar el transporte metropolitano a los de fuera de Vigo”, insiste o alcalde de Vigo, ante o que Arévalo lamenta que “unha vez máis Caballero alardee de promover medidas anti constitucionais e de discriminar por motivo de empadroamento. Ponse en evidencia”.

O transporte metropolitano leva activo 7 anos e bonificou máis de 17 millóns de viaxes na comarca. Un transporte que está incompleto ante a negativa a sumarse a el do Concello de Vigo, o que implica que as viaxes no Vitrasa non son bonificadas para cidadáns de fóra da cidade.

Desde o 2017, 630 mozos e mozas de Mos benefícianse destas subvencións no transporte público. Neste último ano 2021, 110 mozos mosenses fixeron a denominada Tarxeta Xente Nova coa que poden viaxar gratuitamente: tanto no bus urbano de Mos, como no metropolitano da Xunta, puidendo desprazarse libremente e de balde por toda Galicia nas 3.300 liñas de autobús autonómicas.

Pola súa banda, para un adulto maior de 21 anos o importe é de 0,88 €, sen ter que aboar un novo billete se fai trasvase do transporte metropolitano ao municipal de Mos, e viceversa. Agás para viaxar a Vigo.

O Concello de Mos foi o primeiro de Galicia no que funcionou a Tarxeta Xente Nova nos seus buses urbanos, facilitando os desprazamentos gratuítos aos menores de 21 anos.

O plan de transporte metropolitano de Galicia inclúe cinco áreas metropolitanas: a de Vigo, A Coruña, Ferrol, Santiago e Lugo. En todos os casos a urbe de referencia forma parte do plan e está adherida ao convenio, permitindo o pago dun billete único con gratuidade dos trasbordos, agás no caso de Vigo.

Por exemplo, se un veciño de Louredo colle o bus urbano de Mos aboará 0,88 € ao subirse, pero ao chegar a Peinador para coller o Vitrasa terá que volver a pagar 1,35 €, e o viaxe sairalle por un importe total de 2,23 €, case o triple do que lle custaría se Vigo formase parte do plan de transporte metropolitano de Galicia.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad