Mónica Romero 17/12/2021

Desde este luns con monicreques, música e árbores autóctonas no seu pasarruúas de Nadal

O Apalpador, a figura lexendaria do Nadal galego, chegará aos concellos da provincia desde este luns día 20 con moitas novidades: nova vestimenta, monicreques, unha banda de música ampliada e agasallos de árbores autóctonas para as alcaldesas e alcaldes para que os planten nos espazos públicos. Así o explicou hoxe na súa visita á Deputación provincial, onde foi recibido pola presidenta Carmela Silva e a deputada de Lingua María Ortega, xunto ao seu acompañante acordeonista Servando Barreiro e o seu burro Río Lor.

O Apalpador explicou que este ano fará as súas actuacións e pasarrúas con nova roupa: estreará novos pantalóns de pana -feitos por un xastre de máis de 80 anos da provincia de Pontevedra-, chaleco, gorra e camisa, todo “moda galega”. Outra das novidades será que a súa comitiva incluirá dous monicreques que irán contando historias: a ‘Lobiña Coureliña’ feita en As Neves e ‘O señor Pandigueiro’, curmán do Apalpador, elaborado en Cangas do Morrazo.

Ademais, entregará a cada concello unha árbore autóctona para que sexa plantada nun monte ou algún espazo público que poidan gozar os nenos e nenas para coñecer máis a natureza propia galega. Na recepción institucional no Pazo Provincial, el mesmo agasallou hoxe á presidenta cunha sobreira, que ela escolleu pola súa relación co castelo do Sobroso, e cun loureiro á deputada María Ortega, quen explicou a súa elección por ser dun concello de costa e querer fomentar o consumo de produtos de mar.

O músico Servando Barreiro será o responsable da parte musical e “o encargado de animar as viaxes e os pasarrúas”. Explicou que este ano ademais do seu acordeón haberá tamén unha saxofonista e un guitarrista que farán algunha peza nova ademais das cantigas propias do Apalpador . Lembrou que as actuacións buscarán fomentar o amor pola lingua galega e o coidado do medio ambiente, xa que “as mensaxes cantadas e tocadas reálzanse e chegan máis e a xente fica máis impresionada”.

A deputada de Lingua María Ortega, responsable do programa Nadal en Galego no que se enmarcan as actividades do Apalpador, explicou que este ano a Deputación fixo un esforzo para ampliar o máximo as visitas aos concellos, chegando a 45 municipios da provincia dende este luns día 20 ao 4 de xaneiro “con moitas sorpresas”. Salientou que o proxecto está medrando cada ano co fin de achegar ás crianzas as tradicións do país para resaltar “os nosos valores propios e destacar a nosa forte identidade “.

Subliñou que as actuacións faranse en formato pasarrúas de maneira itinerante, evitando aglomeracións, para garantir a máxima seguridade para as persoas dada a situación de pandemia.

Pola súa parte, a presidenta Carmela Silva subliñou a aposta da Deputación “por recuperar as nosas tradicións fermosas, que falan de xente que estivo aquí antes que nós e levaba música, identidade e historias e autenticidade para que a xente fora feliz. O Apalpador e Servando é o que van levando, felicidade”.

A presidenta explicou que as nenas e nenos ademais de gozar da música , dixo, preguntaranse quen era o Apalpador cando o vexan polo que a visita aos concello fará que teñan interese e se preocupen por quen era esa figura. “Só podemos amar o que coñecemos. Con esta iniciativa non só facemos que se enchan de actividade cultural os concellos da provincia durante o Nadal, con cultura, recuperando as tradicións, senón que espertamos interese nas nenas e nenos. Eles son o noso futuro. Se non coñecen, dificilmente poderán manter o que nos identifica”, apuntou.

PROGRAMA VISITAS APALPADOR

Luns 20 de decembro

  • 17:00 h Pontecesures
  • 19:00 h Valga

Martes 21 de decembro

  • 17:00 h Dozón
  • 19:00 h Agolada

Mércores 22 de decembro

  • 11:00 h Salvaterra do Miño (Cancelado)
  • 13:00 h Salceda de Caselas
  • 17:00 h O Porriño

Xoves 23 de decembro

  • 11:00 h Marín
  • 13:00 h Bueu
  • 17:00 h Cangas
  • 19:00 h Moaña

Venres 24 de decembro

  • 17:00 h Barro
  • 19:00 h Portas

Sábado 25 de decembro

  • 12:00 h Gondomar
  • 17:00 h Nigrán
  • 19:00 h Baiona

Domingo 26 de decembro

  • 11:00 h A Cañiza
  • 13:00 h Covelo
  • 17:00 h Fornelo de Montes
  • 19:00 h A Lama

Luns 27 de decembro

  • 11:00 h A Estrada
  • 13:00 h Cuntis
  • 17:00 h Catoira
  • 19:00 h Ribadumia

Martes 28 de decembro

  • 11:00 h Forcarei
  • 13:00 h Silleda
  • 17:00 h Vila de Cruces

Mércores 29 de decembro

  • 11:00 h Poio
  • 13:00 h Meis
  • 17:00 h Meaño
  • 19:00 h Sanxenxo

Xoves 30 de decembro

  • 11:00 h As Neves
  • 13:00 h Ponteareas
  • 17:00 h Mondariz
  • 19:00 h Mondariz-Balneario

Venres 31 de decembro

  • 11:00 h Oia
  • 13:00 h A Guarda
  • 17:00 h Tomiño
  • 19:00 h Tui

Luns 3 de xaneiro

  • 11:00 h Campolameiro
  • 13:00 h Cerdedo-Cotobade
  • 19:00 h Pazos de Borbén

Martes 4 de xaneiro

  • 11:00 h O Grove
  • 13:00 h Cambados
  • 17:00 h A Illa
  • 19:00 h Vilagarcía

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad