![](https://porrinodigital.es/wp-content/uploads/2021/12/CEIP-Leirado-Imagen-a-tope-coa-saude.png)
O centro de ensino de Salvaterra participou na modalidade de proxectos documentados integrados no VII Concurso de Traballos por Proxectos
O CEIP de Leirado en Salvaterra de Miño vén de ser galardoado, por cuarto ano consecutivo, no VII Concurso de Traballos por Proxectos que foi convocado pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
O proxecto premiado foi “A tope coa saúde”, na modalidade de proxectos documentais integrados, coordinados dende a biblioteca escolar. Entre os criterios tidos en conta para a valoración do proxecto do CEIP de Leirado, figura a participación de toda a comunidade educativa no seu desenvolvemento.
![](https://porrinodigital.es/wp-content/uploads/2021/12/CEIP-Leirado-descanso.jpeg)
Este premio supón, unha vez máis, o recoñecemento de que o deseño deste proxecto e os que se están a desenvolver no centro coloca ao seu alumnado no camiño axeitado para acadar a mellor competencia lectora e para acadar competencias que son clave na sociedade da información, nomeadamente a súa competencia para o uso e produción de información.
Polo tanto parabéns para o equipo da biblioteca, equipo docente, persoal non docente, alumnado, familias, ANPA e outras institucións que participaron no desenvolvemento do proxecto no pasado curso escolar (Concello de Salvaterra de Miño, CFR de Vigo, Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia, Inspección Educativa…). Dende o centro esperamos contar coa colaboración novamente de toda a comunidade educativa para o desenvolvemento de proxectos vindeiros.
![](https://porrinodigital.es/wp-content/uploads/2021/12/CEIP-Leirado-Dinamica.jpg)