A Asociación de Persoas con Discapacidade das Comarcas do Condado e Paradanta (ADAPTA) está preparando os actos para conmemorar o 3 de decembro, o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, co fin de darlle visibilidade a este grupo social, ademais de difundir as actividades e servizos que a entidade presta no centro Asprodico
Ás 12 horas do venres, día 3 de decembro, diante da Casa do Concello de Ponteareas a presidenta da entidade ADAPTA, Montserrat Cuevas, procederá á lectura do manifesto na compaña da alcaldesa, Cristina Fernández, e do presidente da Federación COGAMI Pontevedra, Ángel Holguera.Tras finalizar, participarán conxuntamente na campaña de sensibilización Baixo o mesmo paraugas.
Outra das actividades organizada, tamén aberta ao resto da cidadanía do municipio, consiste nunha andaina solidaria que iniciará ás 16:30 horas dende o regato da Venda en dirección ao centro Asprodico. O punto de encontro será nas pistas do complexo deportivo Álvaro Pino, situado na baixada do centro de saúde. Esta andaina rematará coa plantación dunha árbore nas instalacións de Asprodico, como simboloxía do proxecto que a entidade está a iniciar e agarda a que medre co tempo.
As persoas que queiran participar na andaina, deben inscribirse enviando un correo electrónico a crd.ponteareas@cogami.gal ou chamando ao teléfono 662 947 289.