Ata o 1 de decembro o programa de asesoramento tecnolóxico oferta cursos sobre SEO, fabricación dixital e marca turística
A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta próxima semana tres novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versarán sobre o itinerario iniciado o pasado mes de outubro en fabricación dixital, o SEO e a creación e difusión dunha marca turística.
O martes 30 impartirase o obradoiro “Iniciación ao SEO I: conceptos, palabras clave e primeiros pasos”, a cargo de Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual. Este achegará os conceptos básicos que compoñen o SEO, así como o proceso de transformación dun sitio web para mellorar o posicionamento nos principais buscadores, aumentando o tráfico de usuarios ou clientes.
O mércores pola mañá, o experto en robótica Manuel Freire impartirá “Fabricación Dixital. Escáner 3D”, como continuidade do obradoiro da semana pasada. Pola tarde, a graduada en Turismo Mariana Rosa pechará a formación da semana con “Creación e difusión dunha marca turística”. Neste taller Mariana Rosa orientará aos usuari@s para aproveitar ao máximo as ferramentas de marketing en liña para adaptalas ás novas experiencias turísticas. Amais, explicará como sacar un maior rendemento ás estratexias de comunicación para ser máis eficaces no deseño dunha marca turística.
As persoas interesadas poden inscribirse a través do sitio web de SmartPeme na url de cada evento. Tamén é posible facelo enviando un correo ao enderezo info.smartpeme@depo.es ou no teléfono 886 202 020.