En Madorras -Mosende- e en Orbenlle -Budiño- están financiadas polo Concello de Porriño, con cargo aos 729.478 € do Plan de Mellora de Viarios Públicos
No Carbón -Atios- mais a reforma de beirarrúas en Ramiranes, están financiadas polo Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, cun orzamento total de 73.488 €
Esta mañá a concelleira de Vías e Obras comprobou o estado de execución de diversas obras de saneamento, pavimentación e beirarrúas que están a realizarse polo Concello do Porriño.
No lugar de Carbón, en Atios, informouse do grao de execución da instalación de saneamento deste núcleo, xa moi avanzado, onde xa se cubriron foxas e se procederá de inmediato á pavimentación. A empresa adxudicataria, “Naturgalia S.L.” tivo un prazo de execución de 3 meses. O orzamento foi de 47.821 € no marco do “Plan Concellos 2020” Liña 1, da Deputación de Pontevedra.
Tamén “Naturgalia” está a executar a reforma de beirarrúas na rúa Ramiranes ata o linde co concello de Mos. A obra busca dar continuidade á reforma da beirarrúa que se levou a cabo hai anos, unificando ancho e materiais, para mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade dos peóns. Estas obras teñen un orzamento de 25.667 €, que tamén se financian con cargo a unha das partidas remanentes do Plan Concellos 2020 da Deputación.
As obras de instalación das canalizacións de saneamento en Madorras, Mosende, xa están rematadas e iniciada a pavimentación do tramo, a cargo de persoal de Construcciones Narom.
Esta mesma empresa resultou tamén adxudicataria da pavimentación dun tramo de 500 m lineais da estrada de Orbenlle, en Budiño.
Tanto as actuacións de Madorras como a de Orbenlle están financiadas polo Concello de Porriño, con cargo aos 729.478 € do Plan de Mellora de Viarios Públicos. Trátase dunha ducia de actuacións de asfaltado, saneamento e mellora dos servizos municipais nas parroquias do municipio, que a corporación aprobou por unanimidade no pleno ordinario do pasado 28 de xullo, tras as negociacións que mantivo a Moure cos grupos municipais.