Sthela Táboas 26/11/2021

Representantes dos colectivos sociais, deportivos e culturais mosenses presentes no acto deste mediodía na Praza do Concello, foron colgando prendas de roupa morada, unha por cada unha das asasinadas

Na Praza do Concello de Mos, celebrouse este xoves 25 o acto institucional municipal conmemorativo do Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller, con lectura de manifesto a cargo da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e un minuto de silencio.

Participaron representantes do movemento asociativo cultural e social de Mos, membros da Corporación Municipal mosense, alumnado do IES de Mos e o grupo musical Girl’s Gang, nesta iniciativa promovida desde a concellería de Política Social e Igualdade do Concello de Mos que dirixe a edil Sara Cebreiro, e o Centro de Información á Muller, CIM, de Mos.

Ademais realizouse a actividade “O tendal dos soños rotos”, consistente na creación dun tendal con diferentes prendas de roupa que representan cada unha das mulleres asasinadas neste ano.

Con lectura a cargo de Lucía, Alba e Uxía, alumnas do instututo mosense, que estiveron acompañadas pola súa profesora, Maite, no “Tendal dos soños rotos” distintas persoas, homes  e mulleres pertencentes  aos colectivos sociais, deportivos  e culturais presentes, foron colgando prendas de roupa  morada, por cada unha  das mulleres asasinadas en España en 2021.

O motivo de escoller o tendal de roupa é polo seu simbolismo. As cordas e as pinzas  simbolizan  a opresión,  a  servidume  da  muller  ante  o  seu maltratador. E o acto de colgar  a  roupa é a metáfora que expresa que estamos sacando á luz os traumas escondidos, a violencia  agochada no interior  dos  fogares.  O tendal como arma de denuncia  das inxustizas, desoutra violencia  oculta.

No tendal ao aire normalmente  móstrase  a roupa máis íntima  e máis persoal das súas donas, mulleres. Co “Tendal  dos soños  rotos” simbolízanse os  soños  daquelas  mulleres  que un día tenderon  a  súa roupa e non puideron recollela.  Soños  que quedaron colgados, aireando  ao vento, soñando coa liberdade, lonxe dun maltratador que non  a deixa desenvolverse  como persoa, como Muller, que  a oprime e que a anula.

Por un lado  o tendal  de  roupa ao  sol  simboliza a liberdade, os  soños,  as ganas de vivir,  de seguir coa  súa  vida …. E por outro lado, eses soños que  quedaron colgados,  que xa  non  se van a poder levar  a cabo,  tanto  das vítimas  como  das  súas familias  que  a pesar  de todo  teñen que seguir  coas rutinas  da vida. E para pechar o 25N en Mos, pola tarde, Rogelia dos Outerios ofreceu o monólogo “SOA”.

Un espectáculo no que  atopamos unha muller que, pechada na casa polo seu marido, atopa na súa nova veciña unha confidente a quen contarlle a súa historia, unha válvula de escape para liberarse da pesada carga que sempre lle acompaña. Así, descubrimos unha cruel realidade que leva agochada xa demasiado tempo, nun contexto que mestura medo, desesperación, tristura e claustrofobia. Porén, e a pesar das circunstancias, o humor está sempre presente e as situacións cómicas serven de catalizador para esta muller que, pouco a pouco, vai conquistando á audiencia. Un marido tolo, un cuñado enfermo, os fillos ausentes, a soidade, o machismo, pero tamén a complicidade, a liberación sexual, a autoestima, o cine, a música e, sobre todo, a esperanza son as pezas que emprega Rogelia dos Outeiros para construír un espectáculo que conduce ao público entre o drama e a comedia.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad