Sthela Táboas 22/11/2021

Tras o cheo absoluto das charlas celebradas ao longo da pasada semana que hoxe, a Gran Degustación de onte na contorna do Pazo de Mos, rexistrou unha enorme afluencia de público

Os que non puideron degustar os pratos de Adega da Tía Carmen, Miro Pereira, Bar Restaurante Curuxeira, Casiña da Tía Albina e Tapería A Cova da Santa, teñen ata final de mes para facelo nos seus respectivos establecementos

Onte de 12.00 h a 15.00 h celebrouse a Gran Degustación da XVII Edición das Xornadas Micolóxicas e Forestais do Concello de Mos que tivo lugar na contorna do Pazo de Mos cunha enorme afluencia de público. Éxito rotundo polo tanto da décimo sétima edición das Xornadas Micolóxicas que rexistraron tamén durante toda a semana un cheo absoluto nas charlas sobre micoloxía impartidas no Pazo. A xornada festiva prolongouse na tarde, pois ás 18.00 horas, actuaron Xoan Curiel e Charo Pita co espectáculo “Canta miña pedra, canta”.

As persoas que non puideron achegarse onte a degustar os pratos de Adega da Tía Carmen, Miro Pereira, Bar Restaurante Curuxeira, Casiña da Tía Albina e Tapería A Cova da Santa, teñen ata final de mes para facelo nos seus respectivos establecementos.

A Gran Degustación de onte contou coa asistencia da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, do concelleiro de Medio AmbienteSostible, Leo Costas,demais membros do goberno local,da experta micóloga Puri Lorenzo, e Ramón Muíños como representante da Comunidade de Montes de Mos.

A rexedora local mosense destacou na súa intervención “o agradecemento aos hosteleiros, que fan posible que hoxe poidamos estar aquí, gozando da boa gastronomía, despois de máis dun ano e medio durísimo para eles pola crise sanitaria da COVID-19, por iso desde o Concello queremos apoialos en todo o que poidamos”. Tamén lle deu as grazas Arévalo á Comunidade de Montes de Mos “polo labor de organización conxunta co Concello destas Xornadas e por poñer en valor os nosos recursos naturais, a nosa natureza e o noso monte… o noso municipio, en definitiva”.

Os pratos que se puideron catar este domingo na Gran Degustación foron por parte de Adega da Tía Carmen, croquetas de setas con castañas e empanada de trigo con setas e castañas, por parte de Miro Pereira, polo en crema de setas; por parte do Bar Restaurante Curuxeira, fajitas recheas de setas e polo e tortilla de xamón e setas; por parte da Casiña da Tía Albina, filloas de champiñóns con gambas e filloas de champiñóns con gulas; e por parte da Tapería A Cova da Santa, pizza mar e monte: salmón afumado con variado de setas.

A Gran Degustación estivo complementada co V Micomercado (mercado micolóxico). E de 11.00 h a 14.00 h e de 17.00 h a 20.00 h estivo aberta ao público no Pazo de Mos unha exposición e consulta sobre cogumelos.

As charlas e conferencias didácticas sobre micoloxía impartidas foron todas ás 20.30 h no Pazo de Mos. O luns15 de novembro, XoséBraulio Mondragón Abuín falou sobre ‘As 10 herbas máis importantes do bosque’. O martes 16 de novembro, Fernando Gerino Ferreirós Soutiño, deu a conferencia titulada ‘Froitos, diversidade é riqueza’. O mércores 17, Marisa Castro -Investigadora en Micoloxía no Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo- ofreceu a ponencia ‘Intoxicacións por cogomelos’. O xoves 18, Puri Lorenzo -Bióloga especialista en Micoloxía do Grupo Micolóxico Galego Luis Freire- falou sobre ‘Cogomelos nos ecosistemas galegos’. E o venres 19 de novembro, José Luis Tomé -Federación Galega de Micoloxía- ofreceu a charla ‘Cociñando cogomelos’.

O sábado 20 de novembro de 10.00 h a 13.30 h realizouse a tradicional saída para a recollida e identificación de cogomelos guiada por monitores especializados.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad