A asociación que agrupa as profesionais dos Centros de Información de Galicia denuncia o incumprimento do decreto que os regula e pide compromiso á hora de xestionar os fondos destinados á loita contra a violencia de xénero
No que levamos de ano 37 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas en España, segundo datos da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero. Un total de 1.118 mulleres desde o 2003, ano no que se empezaron a contabilizar oficialmente. Se reparamos nas estatísticas de Feminicidio.net, que inclúen outras manifestacións de violencia discriminatoria contra ás mulleres, a lista de feminicidios e outros asasinatos de mulleres cometidos por homes durante 2021 elévase a 70.
Ante esta situación e co motivo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a Asociación de Profesionais dos Centros de Información á Muller (ASOCIM) incide na importancia do labor dos CIM, servizo declarado esencial polo Real Decreto-lei 12/2020 do 31 de marzo, á hora de atender ás mulleres vítimas de violencia de xénero e traballar na prevención e sensibilización sobre esta problemática social.
Os CIM constitúen un espazo de referencia, profesional e próximo, no que se ofrece un asesoramento e acompañamento especializado e multidisciplinar, desde o que prestar axuda psicolóxica, orientación xudicial ou laboral. Dado o valor deste servizo, desde ASOCIM levamos anos reclamando unha mellora nas condicións de traballo do persoal como garantía de calidade. Detectamos que nalgúns CIM os contratos das profesionais que están a tempo parcial non chegan nin ás 10 horas mínimas esixidas e non se cumpre coa obrigatoriedade de substituír ás técnicas de baixa laboral, prexudicando por completo a atención urxente e necesaria das usuarias (ambas obrigas recollidas no Decreto 130/2016). Por outra banda, recentemente veñen de entrar en vigor reformas lexislativas, como as derivadas da Lei 8/2021 de 2 de xuño en Dereito de Familia que modifica o artigo 156 do CC no que os informes de servizos especializados de violencia de xénero adquiren unha relevancia que precisa o establecemento de criterios básicos para a súa elaboración por parte de todos e todas as profesionais implicados.
Todo isto xunto á gran carga de traballo diario, que as leva a sumar máis e máis horas ao seu horario laboral só por compromiso profesional, provoca unha situación que urxe solucionar. Tal e como manifesta Montserrat González, presidenta de ASOCIM: “Os cadros de persoal tal e como están non dan sobrevivido. Non se pode atender á xente menoscabando a saúde das técnicas”.
Para a asociación, as profesionais deben ver garantidos os seus dereitos laborais e para iso, a estabilidade laboral é cuestión prioritaria. Nun momento no que as Relacións de Postos de Traballo (RPT) están a realizarse en moitos concellos, ASOCIM pide que se unifiquen os criterios na clasificación das traballadoras dentro da área de Igualdade nos cadros de persoal dos concellos e nas RPT atendendo a normativa vixente. Só un 27% dos CIM se reflictan correctamente nas RPT como un servizo independente, mentres que o 73% restante encádrase noutras áreas, quitándolle toda a visibilidade ao CIM, como servizo atendido por profesionais expertas en igualdade que é, encadrado en servizos sociais especializados pola Lei 13/2008, de 3 de decembro, de Servizos Sociais de Galicia.
Dous terzos da partida de 525 millóns de euros do Ministerio de Igualdade para a posta en marcha de leis, plans e políticas de igualdade depende dos organismos de igualdade e contra a violencia de xénero das comunidades autónomas e concellos. Desde ASOCIM chamamos á responsabilidade e ao compromiso na xestión deses fondos por parte de todas as administracións implicadas.
Para a asociación, as transferencias do Ministerio de Igualdade ás comunidades autónomas e entidades locais, especialmente as do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e as do Plan Corresponsables, deben considerarse como Programas plurianuais (art. 29 da Lei Orzamentaria) cuns obxectivos e indicadores de execución claros que permitan medir e avaliar o resultado das accións que se levan a cabo, atendendo a súa eficacia, eficiencia, economía e calidade.
Así mesmo, no relativo ao Artigo 20 da LPXE (Lei de Presupostos Xerais do Estado) sobre Oferta de Emprego Público, e en liña coa demanda de mellores condicións laborais para as técnicas dos CIM, ASOCIM solicita que se provea como estable ao persoal “esencial” dos servizos de igualdade e violencia de xénero (a nivel estatal, rexional ou local), non só como “taxa de reposición” senón como servizos novos.
Por outra banda, a entidade pon o foco na necesidade de que a Seguridade Social cumpra co Artigo 20 da Lei O 3/2007 de igualdade e inclúa en todas as súas estatísticas sobre as persoas beneficiarias de prestacións a división por sexos.