Sthela Táboas 22/11/2021

A través dunha subvención do IDAE xestionada pola Deputación cun orzamento próximo aos 90.000 €, realizáronse cambios en 216 luminarias da avenida Domingo Bueno, da rúa Antonio Palacios e do lugar de Eidos

A veciñanza do Porriño desfruta xa de 216 novos puntos de luz que o concello instalou ao abeiro dunha subvención de 89.450 € do IDAE, xestionada pola Deputación de Pontevedra. Con esta renovación da iluminación exterior O Porriño acada un aforro enerxético de preto do 64% en tres zonas do concello: a avenida Domingo Bueno, a rúa Antonio Palacios e o lugar de Eidos. Precisamente foi este último punto o que visitaron esta mañá o deputado de Cooperación, Santos Héctor, a alcaldesa do Porriño, Eva García, e a concelleira de obras do municipio, Lourdes Moure.

Máis polo miúdo, actuouse en 38 luminarias da avenida Domingo Bueno, en 45 do lugar de Eidos e en 133 da rúa Antonio Palacios que pasaron de ser de vapor de sodio a empregar tecnoloxía LED, máis respectuosa co medio ambiente e cunha duración estimada de 100.000 horas. Todas elas contan con sistema de regulación que permite reducir o fluxo luminoso nas horas de menor uso.

Con actuacións coma esta a Deputación de Pontevedra promove a consecución do ODS nº 7, que busca garantir o acceso a unha enerxía accesible, segura, sostible e moderna. Ademais, fai un chamamento á sociedade e conciéncia da necesidade de empregar recursos sostibles que sexan o menos prexudiciais posible co medio ambiente, como é o caso da tecnoloxía LED. Estas axudas europeas para a renovación de iluminación exterior foron xestionadas pola Deputación ante o IDAE, que distribúe en España parte do programa operativo FEDER. Para elo acolleuse á convocatoria de subvencións para proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono.

As axudas están encadradas dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) para o período 2014-2020 elaborado pola Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Función Pública do Goberno de España. Neste marco estanse a rematar nestas datas dous lotes de obras de mellora da eficiencia enerxética das iluminacións públicas das Neves, O Rosal, Poio, A Illa de Arousa, Silleda e Moaña.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad