Sthela Táboas 16/11/2021

O orzamento da obra ascende a 90.000 € dos que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asume máis do 70% cun total de 63.000 €

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, o arquitecto municipal, Manuel Toucedo, e a deputada autonómica da parroquia de Tameiga no Parlamento de Galicia, Feli Rodríguez, visitaron onte obras de mellora na Urbanización de San Eleuterio. Nestes intres atópanse realizando labores de reposición do firme nas rúas interiores da urbanización e de construcción dun muro na nova zona de esparcemento ao aire libre que se está a habilitar. Os traballos de asfaltado quedarán rematados mañá.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia concedeulle ao Concello de Mos un Plan Hurbe (un programa posto en marcha en 2010 pola Xunta) para acometer este proxecto de mellora da Urbanización de San Eleuterio.

Esta liña de subvencións, impulsada polo Goberno galego, ten por finalidade humanizar as vilas galegas e frear o despoboamento, potenciando para elo as infraestruturas e servizos e mellorando o benestar e a calidade de vida da súa poboación.

A axuda concedida para a mellora da Urbanización de San Eleuterio supera o 70% do custo total da actuación.

As obras de Mellora Interior da Urbanización de San Eleuterio, na parroquia de Tameiga, teñen finalidade de renovar fundamentalmente beirarrúas e pavimentos das vías de circulación e o acondicionamento dunha parcela municipal, coa finalidade de dotala de pavimento, vexetación e mobiliario urbano acorde co uso que se pretende. As obras previstas abarcan os conceptos de demolición dos pavimentos asfálticos en mal estado, de pavimentación de vías de circulación e sinalización horizontal e vertical e pavimentación do novo espazo de recreo e execución de muros de cachotería e plantación de especies arbóreas e instalación de mobiliario urbano.

O orzamento total da obra ascende a 90.000 €, dos cales a Xunta de Galicia financia un total de 63.000 €.

Neste senso os representantes municipais, Arévalo e Augusto, destacan o obxectivo do Goberno local mosensede avanzar no Plan Mos humanizado, no que esta mellora supón un paso máis. “Seguimos avanzando na nosa folla de ruta neste senso. A devandita folla de ruta marca como un dos principais obxectivos da administración local construír o Mos das persoas, con espazos e infraestruturas habilitados para o uso e desfrute da veciñanza”, salientaron.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aposta por manter liñas de colaboración directa cos concellos para facilitarlles a execución de proxectos en materia urbanística e actuacións dedicadas tanto a crear ou recuperar equipamentos municipais, como a acadar a posta en valor das contornas urbanas.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad