Mónica Romero 13/11/2021

Celebrarase do 3 ao 12 de decembro no Paseo da Corredoira cun máximo de 20 postos

O Concello de Tui vén de abrir o prazo de solicitude para participar no Mercado de Nadal que se vai celebrar do 3 ao 12 de decembro no Paseo da Corredoira.

Segundo explican dende o Departamento de Formación e Emprego, Igualdade e Xuventude, Comercio e Mercado a convocatoria vai dirixida a artesáns, produtores e comerciantes con capacidade para exhibir e vender produtos, creacións ou elaboracións de Nadal. Poden solicitar a participación no Mercado todos os artesáns e comerciantes autorizados para a produción e/ou venda de produtos, sexan persoas físicas ou sociedades, legalmente constituídos ou regularizados no réxime de traballadores por conta propia, segundo o caso.

As persoas interesadas en participar no mercado deben cumprimentar a solicitude de participación en liña antes das 23.00 horas do venres, 19 de novembro de 2021. Ademais, as persoas solicitantes deberán remitir á organización fotografías representativas dos seus produtos ao correo mercadotui@versalscq.com. Neste mesmo enderezo pódese solicitar información complementaria sobre esta actividade.

Na selección dos expositores darase prioridade ás solicitudes para a exposición e venda de produtos específicos de Nadal, incluíndose alimentación, decoración de Nadal e agasallos. Terán prioridade os produtos de carácter artesán ou producidos a pequena escala. Ademais, valorarase que os solicitantes estean radicados no Concello de Tui e comarca; a calidade e singularidade dos produtos; a variedade de sectores; a produción local; e que o solicitante conte coa Carta de Artesán.

O Mercado de Nadal contará cun máximo de 20 postos de venda no Paseo da Corredoira, que estarán abertos de 11:00 h a 14:00h e de 17:00 h a 21:00h

BASES DE PARTICIPACIÓN:

FORMULARIO DE SOLICITUDE: https://forms.gle/B2iBBpQQg9Zxn9ok6.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad