Sthela Táboas 11/11/2021

O xurado encabezado pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, salientou a “extraordinaria” traxectoria das dúas galardoadas e a súa fundamental contribución á cultura galega

Con este galardón a Menchu Lamas e Rosario Álvarez Blanco son cinco as mulleres que gañan o Premio Otero Pedrayo desde 1977

A artista viguesa, Menchu Lamas, e a presidenta do Consello da Cultura Galega, a pontevedresa Rosario Álvarez, son as gañadoras do Premio Otero Pedrayo 2021, convocado pola Xunta de Galicia e polas catro deputacións galegas e que este ano organiza a Deputación de Pontevedra.

O xurado, reunido onte á tarde e presidido por Carmela Silva, destacou a aportación de ambas galardoadas á cultura galega tras conceder este recoñecemento ex aequo a Menchu Lamas, cuxa candidatura propuxo a Deputación de Pontevedra, e a Rosario Álvarez Blanco, proposta pola escritora Fina Casalderrey en representación da Real Academia Galega. O galardón está dotado con 16.000 €.

Menchu Lamas
foto: Cora Patiño

Carmela Silva foi a encargada de comunicar a decisión a ambas as dúas premiadas, ás que trasladou os parabéns de todo o xurado e manifestou a súa satisfacción por “este recoñecemento a representatividade das mulleres, algo que cremos imprescindible”. A presidenta provincial enxalzou “a extraordinaria” traxectoria das dúas premiadas” e lembrou que “durante moito tempo as mulleres xogamos un papel moi por debaixo do moito que temos aportado á cultura. É fundamental rachar cos datos abraiantes de invisibilización lembrando que desde 1977 tan só cinco mulleres co galardón de hoxe a Lamas e Álvarez Blanco, foron gañadoras deste Premio”.

Carmen Lamas Pérez, Menchu Lamas (Vigo, 1954) é probablemente a artista galega de maior proxección internacional e unha creadora fundamental na renovación da arte galega. Convértese na primeira artista plástica en gañar o Premio. Lamas, tras estudar Deseño Gráfico na Institución Artística de Enseñanza (IADE) de Madrid e iniciar a súa traxectoria no Colectivo da Imaxe, con Carlos Berride, Antón Patiño e Jorge Agra, debutou cunha exposición colectiva na Praza da Princesa de Vigo en 1974 e colaborou tamén co grupo poético Rompente en dous libros de poemas. Foi fundadora do colectivo referente da Arte Galega contemporánea Atlántica en 1980, xunto a Antón Patiño, ÁnxelHuete, Guillerme Monroy e Román Pereiro.Trala súa primeira exposición individual na Galería Buades de Madrid no ano 1982, durante esa década participou nalgunhas das mostras colectivas máis importantes da arte española contemporánea como 26 Pintores/ 13 Críticos, a segunda edición do Salón dos 16, a Bienal Nacional de artes Plásticas ou Cinco nomes de muller. Realizou múltiples exposicións individuais e participou en diversas mostras colectivas en distintos países.

Lamas pertence a unha xeración de artistas galegas e galegos que, tras a ditadura e instaurado o estado das autonomías, elabora un singular discurso plástico con referencias primitivistas á arte rupestre, ao románico popular ou ás lendas campesiñas. Deste xeito, estableceu un diálogo entre esa tradición de raíz autóctona e a modernidade, así como entre o abstracto e o figurativo, cun cromatismo vivo e luminoso. As súas primeiras pinturas son composicións abstractas a partir de elementos cotiáns coas que estrutura diferentes franxas a xeito de territorios cromáticos en expansión. Evolucionou logo cara á figuración  a través dunha enigmática iconografía composta por animais, humanos, círculos ou lúas. E posteriormente  someteu a súa obra a unha sintetización que dota a superficie pictórica dunha orde construtiva sobre a que asentan elementos figurativos reducidos á mínima expresión —siluetas, perfís, contornos— e emprega o recurso conceptual da sombra.

As súas obras están presentes no Museo de Arte Contemporáneo de Madrid, o Museo Patio Herreriano de Valladolid, o Museo Reina Sofía en Madrid e en coleccións como a Colección Abanca, Colección La Caixa de Arte Contemporáneo, Colección AFundación. En 2018 a súa obra O pescador (1983) formou parte da exposición El poder del arte, organizada polo 40 aniversario da Constitución española.En 2018 ingresou na Real Academia Galega de Belas Artes. Conta cos premios Viguesa distinguida (2016) e o Premio Cultura Galega das Artes Plásticas en 2010.

Rosario Álvarez Blanco (Pontevedra, 1953) é unha das mulleres máis relevantes da cultura en Galicia e a primeira en presidir o Consello da Cultura Galega, cargo que ocupadesde 2018. Atesora unha importante labor no ámbito da universidade, da investigación e da defensa da cultura gales e está vencellada desde o inicio da súa traxectoria profesional a numerosos organismos culturais e educativos.É licenciada en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde é catedrática na área de Filoloxías Galega e Portuguesa. Foi vicerreitora de profesorado da universidade (1990-1994), directora do Departamento de Filoloxía Galega (1995-1999) e directora do Instituto da Lingua Galega (2005-2013), entidade á que pertence desde 1974.

Integrante do equipo do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), é coautora de dúas gramáticas do galego, con Henrique Monteagudo e Xosé Luis Regueira (1986) e Xosé Xove (2002), e investigadora principal do equipo redactor da gramática da Real Academia Galega. É directora do Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués, no que colaboran equipos de Galicia, Portugal e Brasil, e codirectora do proxecto Gondomar. Corpus dixital de textos galegos da Idade Moderna; no CCG é, ademais, responsable do proxecto Gallaecia e Monumental Histórica e directora da revista Estudos de Lingüística Galega. Pertence á Real Academia Galega desde o ano 2003, con funcións de coordinadora do Seminario de Gramática (desde 2003), Tesoureira (2013-2017) e directora da Sección de Lingua (desde 2013).

As súas liñas de investigación seguen tres eixes: o estudo da gramática descritiva da lingua galega, cunha perspectiva sincrónica mais con atención á historia da lingua galega e á gramática contrastiva portugués-galego; o cambio lingüístico, tanto no galego actual coma no antigo e medio; e a edición e estudo de textos do galego medio e do galego da etapa previa ao Rexurdimento.Foi membro do equipo do Atlas Lingüístico Galego dende os inicios. En 2014 participou na coordinación de Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada. Ten publicados diversos libros de texto de lingua e literatura galegas para secundaria. A súa labor investigadora é moi prolífica e ten publicado comunicacións en numerosos congresos e revistas, como Verba. Anuario Galego de Filoloxía, Madrygal, Cadernos de Lingua, Boletín da Real Academia Galega e Estudos de Lingüística Galega entre outros.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad