Sthela Táboas 10/11/2021

A presidenta Carmela Silva destaca que nas Rías Baixas vívense “momentos e experiencias únicas” e destaca “as paisaxes, a luz, sons e atmosferas dos camiños”

A artista Roma cantou en directo mentres que o presidente de Segittur destacou os valores ambientais e patrimoniais e a boa acollida da poboación local ao Camiño

O Camiño en Pontevedra é “un soño que se vive paso a paso”. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, chamou esta mañá, no foro Fairway sobre o Camiño de Santiago, a visitar a provincia e percorrer as cinco rutas oficiais e os itinerarios culturais que a cruzan para cumprir ese soño e “vivir momentos e experiencias únicas”.

Acompañada da artista viguesa Roma González e do presidente de Segittur, Enrique Martínez, evocou diante de alcaldes e alcaldesas e de representantes do sector turístico “as paisaxes, a luz, os sons e as atmosferas que ves e sentes cando percorres os camiños” que cruzan as Rías Baixas. Roma pechou o acto coa interpretación en directo do seu éxito “Dale, dale”.

A presidenta provincial presentou unha nova peza audiovisual da campaña “É o teu momento” con fermosas imaxes aéreas de paisaxes do interior e a costa da provincia cruzadas por camiños. “¿Viron que luz, contrastes e cores? Case podes sentir o recendo da natureza con estas imaxes”, destacou, para salientar que “as persoas que percorren os camiños das Rías Baixas senten que están vivas e atópanse consigo mesmas”.  Silva lembrou que cruzan a provincia o Camiño Portugués, o da Costa, a Ruta do Mar de Arousa e do Río Ulla, a Vía da Prata e o Camiño de Inverno. “Temos un paraíso multiplicado por cinco”, celebrou, ademais de reivindicar este territorio “verde edestino turístico sostible” e lembrar que xunto aos camiños oficiais hai itinerarios culturais como a Ruta do Padre Sarmiento ou o Camiño dos Arrieiros que están a gañar afluencia.

“Somos unha terra de camiños onde vivir momentos únicos, porque no fondo trátase diso, de vivir momentos. O que gardas na memoria ou anotas e máis tarde lembrarás. As postas de sol, a enerxía do mar e as fervenzas, as pedras milenarias dos castros, unha copa de albariño ao finalizar unha etapa do camiño, os ‘bos días’ ao iniciar a xornada ou ese momento de paz a soas”, explicou.

Roma contou ao público que soe inspirarse para compor cancións cando sae a camiñar polas paraxes naturais da provincia e fixo referencia aos milleiros de imaxes publicadas por persoas nas redes sociais nos concursos #MomentosRíasBaixas. “Encántame ver eses lugares e encántame que as persoas que nos visitan e fan o Camiño sintan o mesmo que nós”, comentou, para mencionar tamén os “lugares incribles que hai na provincia para o turismo activo, o deporte ao aire libre, as actividades saudables en plena natureza”.

O presidente de Segittur, Enrique Martínez, eloxiou a beleza da provincia e resaltou os valores naturais e patrimoniais do camiño. “Fixéronse moitísimos investimentos en restaurar e recuperar camiños e monumentos, e hai unha acollida moi boa da poboación local”, expuxo, para resaltar o crecemento económico sostible que supón a actividade en torno ás rutas xacobeas e o seu alto valor de marca. “Instaláronse unha gran cantidade de empresas e hai unha moi boa senda de crecemento”, indicou.

A presidenta explicou que o sector turístico da provincia de Pontevedra “ten tomado conciencia de que hai moitas potencialidades e que hai que facer produtos que xeren empregos vinculados a valores e ao que nos identifica e nos fai únicos”. Nesta liña apuntou que “preservar o patrimonio natural e ter un modelo de xestión sustentable permítenos que todas as localidades polas que pasa o Camiño poidan participar dun desenvolvemento ordenado e xerar produtos e servizos moi ligados ao territorio”.

A máxima responsable da Deputación subliñou que o Camiño “é moito máis que unha mochila e unha meta física”, e animou ás persoas que os percorran a explorar a provincia. “Que non planifiquen cinco días, senón 20. Que vaian a outros lugares próximos porque realmente merece a pena. Que aproveiten o momento, os momentos sen présas por chegar á meta, porque no percorrido vivirán momentos únicos que só existen nas Rías Baixas”, invitou.

Roma puxo o broche ao acto cunha letra moi vencellada a ese espírito da provincia en torno ao Camiño ao cantar que soñaba “con percorrelo todo: a terra, o aire e o mar, paso a paso”. “Iso é o camiño”, resumiu previamente a presidenta: “un soño que se vive paso a paso”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad