Axentes turísticos interesados no Camiño Portugués participan no Fairway, IV Forum do Camiño de Santiago
O pasado sábado o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, mantivo un encontro na casa do concello de Tui cun grupo de xornalistas e touroperadores que visitaron a cidade dentro dunha viaxe de familiarización co Camiño Portugués organizado por Fairway, o IV forum do Camiño de Santiago que se desenvolve estes días en Santiago de Compostela. “O principal obxectivo destas actividades é dar visibilidade aos Roteiros Xacobeos e os seus variados recursos turísticos, ademais de promocionar o IV Fórum do Camiño de Santiago”, explican desde a organización.
Entre os profesionais participantes atópanse publicacións e portais web especializados en viaxes e grandes rutas. Un grupo que se completa coa asistencia de operadores turísticos procedentes de distintos puntos de España e tamén doutros países como Luxemburgo ou Reino Unido e mesmo de Australia.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinala que foi unha excelente oportunidade para que estes axentes turísticos coñeceran a nosa cidade, especialmente o seu conxunto histórico e a Catedral, e a especial significación de Tui como porta do Camiño Portugués, que neste ano ten recibido en torno a 30.000 peregrinos de múltiples nacionalidades.
Ao tempo o rexedor tudense agradece aos organizadores e patrocinadores de Fairway a organización desta viaxe de familiarización de axentes turísticos que contribúe á difusión e posicionamento do Camiño Portugués e de Tui coma a histórica porta de entrada das rutas xacobeas portuguesas en Galicia.