A especialísima pasarela con traxes de deseño galego e tradicional, acompañada dun espectáculo de música e danza, chegará a Vigo, Forcarei e Pontevedra os días 12 e 19 de novembro e 10 de decembro
A tradición e a moda galega serán as grandes protagonistas dun encontro que xirará arredor da riqueza do noso patrimonio inmaterial. “Costuras de Alecrín. By Rías Baixas” é a nova aposta da Deputación de Pontevedra para pór en valor a moda galega, a máis emerxente a nivel nacional, no marco dun espectáculo no que estarán moi presentes a música e a danza tradicional. Esta especialísima pasarela chegará o venres, 12 de novembro ás 20.00 horas aVillaSolita (Vigo);ao Mosteiro de Aciveiro (Forcarei), o venres 19 de novembro e, finalmente, ás Ruínas de Santo Domingo (Pontevedra), o venres 10 de decembro. O evento está aberto a todos os públicos de xeito gratuíto.
“Costuras de Alecrín. By Rías Baixas” nace co obxectivo de reivindicar o papel da indumentaria tradicional e apoiar a creación de deseñadores/as emerxentes. Así, contará cunha selección de traxes de tradición galega e nacional da deseñadora artesá galega Reme Espantoso, especializada no deseño e creación de traxes tradicionais e de noiva; e do cordobés José Perea, coñecido polo seu triunfo en “Maestros de la Costura Argentina 2020” e gañador do Premio JovenDiseñador Nacional 2018 e Diseñador Novel Andalucía 2017.
O desfile, conducido pola actriz e presentadora Diana Nogueira, estará acompañado dunha actuación de música e danza a cargo da artista Rosa Cedrón; o músico e compositor, Christian Silva; o coreógrafo e fundador da compañía Entrecaixas, Iván Villar e a directora da compañía Erixe e bailarina de danza contemporánea, Estefanía Gómez.
As persoas interesadas poden inscribirse de xeito gratuíto a través do enderezo electrónico da área de Cultura da Deputación (participa.cultura@depo.es) facilitando o seu nome completo e un teléfono de contacto. Cada asistente poderá facerse cun máximo de catro entradas.