A empresa porriñesa traballa un material con moita tradición en Galicia e con grande valor a nivel nacional, o granito
Un dos seus últimos traballos foi o skatepark de Vialia feito na variedade Rosa Porriño
A pedra é un material singular por todo o que significa na nosa cultura ao longo da historia pero tamén na vida e na nosa contorna máis inmediata aínda hoxe. De pedra granítica están feitas as moradas dos poboadores castrexos, as pontes romanas, as igrexas do período románico ou as catedrais de estilo barroco do país. Odo granito é un sector que leva moitos anos e con moita tradición en Galicia e son xa moitas xeracións adicadas a este sector.
Desa tradición saben ben no Grupo Godoy Maceira, unha factoría familiar do Porriño que se embarcou nunha empresa que ten como obxectivo a transformación do granito para a súa comercialización en usos de todo tipo procurando un valor extra á nosa pedra, coma o novo skatepark de Vialia que e elaboraron coa modalidade de granito Rosa Porriño. Ademáis desta modalidade tamén traballan outras coma o Gris Mondariz da zona de Salceda de Caselas ou na Cañiza o Silvestre moreno ou o Gris Alba.
Segundo as cifras do Cluster do Granito en Galicia este sector xera 5000 empregos directos e indirectos e é a segunda industria por importancia neste ámbito en Europa. Os ingresos do sector en vendas de granito elaborado e en bruto rondan os 120 millóns de euros anuais. Trátase dun material natural con moitas variedades en canto o tipo de gran e a cor que permite levar a cabo proxectos moi diferentes.
A de Fernando Godoy é unha das historias do rural que se presentan en Parte de ti, unha campaña do Grupo de Desenvolvemento -Galicia Suroeste Eurural- que por segundo ano vai enfocada a sensibilizar, concienciar e informar baseándose nas historias das produtoras e produtores. Cada unha destas historias cóntase en forma de vídeo para achegar a realidade do rural ao espectador.
O Grupo de Desenvolvemento é unha entidade sen ánimo de lucro formada por todo o tecido asociativo que hai nos concellos de Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Redondela, Mos, O Porriño, Tui, Tomiño, O Rosal, A Guarda, Oia, Baiona, Nigrán e Gondomar máis os propios concellos e entre todos encárganse de elaborar unha estratexia de desenvolvemento rural para todo o territorio.