Pódese visitar até o 30 de novembro na Sala Municipal de Exposicións. Recolle 76 fotografías, tomadas entre 1886 e 1935, procedentes do arquivo do Balneario de Caldelas
Até o 30 de novembro pódese visitar na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui a mostra de fotografías antigas “A nosa auga, a nosa terra, a nosa xente” que recolle unha escolma dos fondos gráficos do Balneario de Caldelas de Tui.
Estas fotografías exhibíronse xa no verán no propio Balneario de Caldelas, e agora poden visitarse na Sala Municipal. Son 76 imaxes que recollen aspectos da vida da parroquia de Caldelas así como imaxes de Tui, Paramos, Baldráns, Caldelas ou Entenza nos últimos anos do século XIX. As fotografías, moitas delas inéditas ata agora, ofrecen aspectos de gran interese sobre o noso territorio, as costumes xa perdidas especialmente en relación ao río Miño… en definitiva, como reflicte o título da mostra, “a nosa auga, a nosa terra, a nosa xente”. Foron tomadas entre 1886 e 1935 por Antonio Oliver Rubio (1843-1900) fundador do complexo termal de Caldelas e os seus fillos Antonio e Manuel Oliver Echazarreta, antecesor este último da actual propietaria do Balneario, Mª Cruz Ruíz.
A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, indica que estamos diante dunha exposición de excepcional interese, que de seguro atraerá a numerosos visitantes. Expresa o agradecemento do Concello de Tui aos propietarios do Balneario de Caldelas pola súa iniciativa e polas facilidades concedidas para a realización desta exposición.