Traballará na recuperación de fontes, lavadoiros e un muíño en Guillarei, Randufe, Areas e Paramos. Vinte persoas formaranse nas especialidades de Colocación de Pedra Natural e Montaxe e Instalación de Construcións de Madeira
Hoxe comezou a súa actividade o obradoiro dual de emprego Revaloriza Tui 2021 no que, durante 9 meses, se van formar vinte alumnos e alumnas nas especialidades de Colocación de Pedra Natural e Montaxe e Instalación de Construcións de Madeira. A presentación do mesmo tivo lugar o pasado venres e hoxe comezou xa a formación.
O pasado venres o alumnado e persoas técnicas do obradoiro foron recibidos na casa do concello polo alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Formación Emprego, Ana Mª Núñez.
O alcalde Tui, Enrique Cabaleiro animou aos alumnos e alumnas “a tomar este curso con moito interese porque ademais de prepararvos para o voso futuro profesional teredes a oportunidade de contar cun contrato de traballo e de participar nun proxecto apaixonante como é a recuperación do noso patrimonio etnográfico”.
Mentres a concelleira Ana Mª Núñez, indicou que “pasades a formar parte deste gran equipo de traballo no que ides a formarvos en especialidades que gozan de gran relevancia no mercado laboral e no que hai moito interese por parte das empresas”. Engadiu que este obradoiro “amais de aportar unha formación en oficios con gran demanda laboral vai a facer que o alumnado sexa partícipe da recuperación do patrimonio cultural”.
O obradoiro dual de emprego ofrece formación e emprego a 20 persoas en dúas especialidades formativas: Colocación de Pedra Natural ( IEXD0409 ) e Montaxe e Instalación de Construcións de Madeira (MAMB0210). En cada especialidades formaranse dez alumnos e alumnas que percibirán durante o obradoiro o Salario Mínimo Interprofesional, e ao seu remate o correspondente certificado de profesionalidade. O persoal técnico está formado pola directora, unha titora, formadores de cada especialidade, e unha auxiliar administrativa.
O proxecto do obradoiro contempla a restauración da fonte de Albelos e o lavadoiro do Souto en Guillarei, o lavadoiro da Fontenla en Areas, do lavadoiro de Laxes en Randufe, e do Muíño do Regueiro en Paramos.
O Obradoiro dual de emprego “REVALORIZA TUI 2021” foi concedido pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia ao Concello de Tui. A aportación autonómica será de 346.946 euros.