Sthela Táboas 22/10/2021

Alumnos do IES Primeiro de Marzo de Baiona posiciónanse visiblemente contra a Violencia de Xénero

O 21 de outubro de 2006 celebrouse en Sevilla a primeira manifestación de homes contra a violencia de xénero celebrada en España. O aniversario desta cita converteuse nun símbolo para o movemento de homes que traballan por unha igualdade real entre homes e mulleres.

No ano 2013, no marco dun encontro estatal de asociacións de homes pola igualdade, realizouse a “Declaración de Barcelona”, e estableceuse o 21 de Outubro como o día no que grupos e asociacións de homes pola igualdade saen á rúa para visibilizar, ante a sociedade en xeral pero especialmente ante o colectivo masculino, o seu traballo pola igualdade e o seu rexeitamento á violencia machista.

A Asociación de Hombres por la Igualdad de Género -AHIGE- é unha entidade sen ánimo de lucro, que traballa para favorecer a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres na sociedade, e para iso fomenta o cambio nos homes cara a posicións máis favorables á igualdade e de ruptura co modelo tradicional masculino e apoia a creación de grupos e redes de homes igualitarios.

AHIGE convoca cada ano nesta data a celebración de actos en múltiples localidades de todo o país para mostrar o seu rexeitamento á violencia de xénero, e fano sinalando que:

“Os homes non podemos permanecer en silencio ante un problema tan grave como a violencia de xénero. Temos que intervir, temos que mostrar o noso rexeitamento, temos que ser parte da solución, porque o silencio fainos cómplices”.

Por ese motivo Profesores e Alumnos do IES Primeiro de Marzo de Baiona, conscientes da necesidade de dar ese paso á fronte e posicionarnos activamente en contra da violencia machista, queremos sumarnos a esta iniciativa e visibilizar o noso apoio e adhesión a estes movementos, e visibilizalo participando nunha convocatoria aberta a todos aqueles que queirades unirvos á mesma.

Pretende ser esta unha convocatoria que simbolice o arranque dun movemento que teña continuidade no noso centro e que se materialice de múltiples e diversas formas, aínda por definir, pero que sinalen o camiño para seguir cara a un cambio real nas relacións igualitarias entre mulleres e homes, e sobre todo na loita contra a violencia machista.

Por iso animámosvos a acudir á convocatoria aberta a toda a comunidade educativa do luns 25 de Outubro, na Aula de Igualdade do IES, para retomar andaina deste espazo de coeducación e loita pola igualdade no noso centro educativo.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad