O informe xurídico realizado pola alcaldesa de admisión dun recurso presentado por unha das concorrentes a licitación do lixo, evidencia que “hai un trato de favor cunha empresa que ten relación co goberno municipal, e que facturou máis de 3 millóns de euros para o Concello do Porriño nos últimos 2 anos por contratos a dedo”
O Partido Popular do Porriño denuncia que a alcaldesa, Eva García de la Torre “volveu a baleirar de competencias o Pleno municipal, para aprobar uns informes e admitir uns recursos que interfiren de xeito directo na licitación do contrato de lixo, que ascende a 11 millóns de euros e ten unha duración de 8 anos”.
O voceiro local, Alejandro Lorenzo, cuestiona “por qué a alcaldesa realiza o informe xurídico para admitir o recurso presentado por unha empresa que, de maneira sistemática, facturou a dedo máis de 3 millóns de euros nos últimos anos e con este recurso paraliza a adxudicación do contrato, mentres que cando a empresa adxudicataria, Servicios dos Concellos Galegos, presentou no seu día acceso ao expediente (e que a día de hoxe continúa sen acceso ao mesmo) coa proposta de aprobación do Pleno, que é o órgano de contratación”.
“Hai un proceder diferente e, polo tanto, tamén de favor entre as dúas empresas que están a día de hoxe pendentes da adxudicación do contrato” sinala o portavoz popular. Nesta liña, recorda que “a empresa que fixo sen contrato algún estes servizos en 2019 e 2020, e que facturou máis de 3 millóns de euros ‘a dedo’ e cos reparos de intervención nos últimos 2 anos, pedíu acceso ao expediente para recorrer ao Tribunal de Contratación de Galicia a adxudicación feita á empresa Servizos dos Concellos Galegos. Un acceso que debería ser aprobado polo pleno pero que, no seu caso, a alcaldesa elaborou sorprendentemente un informe xurídico que, de novo, volve a saltarse todo o procedemento administrativo e de competencias”. Ademais, denuncian que “non só fai ela mesma o informe xurídico, senón que o elaborou sen ter en conta aos técnicos municipais”.
Por iso, desde o grupo popular presentarán “unha moción no Pleno para solicitar a declaración de nulidade e revisión de oficio dos actos realizados, e que o Secretario municipal do Concello do Porriño informe, aclarando de quen é a competencia para realizar e ordenar a realización do informe xurídico do órgano de contratación, así como dar acceso o expediente de contratación; e que adopte, no seu caso, as medidas cauterales que, para o PP, pasarían por paralizar e anular os informes da alcaldesa e o acto realizado de conceder o acceso a documentación, efectuado polo Concelleiro de Limpeza en conxunto coa Alcaldesa”.