O Concello acolleu esta tarde unha recepción polos útimos logros da mosense en bicicleta de montaña na modalidade de maratón -XCM-,categoría Absoluta Feminino
Esta tarde ás 16.30 h celebrouse no salón de sesións do Concello de Mos a recepción a Susana Alonso Carballo polos logros acadados en bicicleta de montaña a comezos do presente mes de outubro.
Susana Alonso foi recibida e felicitada na Casa Consistorial mosense por Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos; concelleira de Cultura e Turismo, Participación Cidadá e Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro; concelleiro de Deportes, José Areal; e demais membros da Corporación Municipal.
A mosense Susana Alonso terminou na primeira posición da Marcha Costa da Morte o domingo 3 de outubro, proba que pechou o calendario da Copa de Galicia de bicicleta de montaña na modalidade de maratón (XCM), na que Alonso Carballo quedou subcampioa da categoría Absoluta Feminino.
Con saída e chegada en Carballo, Alonso tiña como obxectivo gañar a Marcha Costa da Morte e, se era posible, superar na xeral do certame a Rebeca Muñoz (Ribadumia). A corredora mosense puido alcanzar o primeiro obxectivo, pero non o segundo. Gañou con claridade, pero a terceira posición de Muñoz impediulle a Alonso superala na xeral da Copa Galicia. A ausencia de Susana Alonso, por unha caída, na proba Piñor resultou determinante. Terminou segunda na xeral con 10 puntos menos que a gañadora. Iso si, levou a categoría elite.
A Marcha BTT Costa da Morte, organizada polo Club Ciclista Monte Neme, incluíu nesta última edición unha nova distancia, de 74 Km, a única de carácter competitivo que, ademais, decidiu aos vencedores da Copa Galicia logo de catro probas, sendo puntuable, así mesmo, para o ranking nacional de XCM. Na xeral feminina, Susana Alonso, de Mos foi a gran campioa. Resultou, así mesmo, primeira en elite (4:18). Seguiuna Mar Delgado, do club anfitrión, o Monte Neme, en ambas as clasificacións.
Na Copa Galicia quedou primeira, por diante de Susana, Rebeca Muñoz Narciso con 350 puntos. Susana Alonso Carballo erixiuse subcampioa con 300 puntos. Terceira foi Ana María González Cuña con 280 puntos. Cuarta Sofía de Jesús da Silva Sousa con 240 puntos e quinta Desireé Fernández Rey, con 190 puntos. León acolle o Campionato de España de Ultramaratón o vindeiro sábado 23 de outubro. Unha nova PowerRace que se expande a nivel nacional. O pistoletazo de saída terá lugar no Club Deportivo Supera dentro dun percorrido de 134 km por 11 municipios da provincia. A proba conta cunha cifra próxima a 500 participantes de todo o país, deles, 62 dos rexistrados son mulleres, e unha delas é a mosense Susana Alonso, á que alcaldesa e Corporación Municipal desexáronlle hoxe toda a sorte do mundo para voltar a Mos cun novo título de campioa de España baixo o brazo.