Sthela Táboas 19/10/2021

Regresan o deporte, as excursións e cursos municipais orientados a que este colectivo se manteña activo e con hábitos de vida saudables

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitou esta mañá no Pavillón Óscar Pereiro aos usuari@s do programa municipal Exercítate, que inclúe clases de natación e ximnasia de mantemento e no que participan un total de 60 mulleres e homes mosenses.

Os horarios do curso de natación son os martes e xoves de 10.45 a 11.30 h e os mércores e venres de 11.00 a 11.45 h. Os horarios de ximnasia de mantemento son os martes e xoves de 11.45 a 12.45 h e os mércores e venres de 11.45 a 12.45 h.

O Concello de Mos retomou, tras o parón debido á COVID, un dos seus programas estrela, o devandito Exercítate, e retoma tamén as viaxes para os seus veciñ@s maiores de 55 anos. 

A primeira viaxe conta con 45 participantes inscritos, terá como destino a Mariña Lucense, e realizarase a vindeira fin de semana: os días 22, 23 e 24 de outubro. Visitarán Foz, Burela, San Cibrao, Viveiro, Mondoñedo e Lugo. A idea é organizar outra excursión pronto, intentarase programar unha de balnearios durante o vindeiro mes de novembro.

Por outra banda, volta tamén o programa municipal Tempo de Lecer que se imparte nos centros culturais, locais sociais e asociacións das parroquias mosenses e que inclúe algúns cursos máis orientados aos maiores como poden ser os de axilidade mental e memoria que se imparten en Dornelas (15 usuarios), A Cividade (13 usuarios) ou o Círculo Cultural Abrente (9 usuarios); o de uso do móbil-iniciación que se imparte na A.V.V. Nosa Terra de Pereiras (10 usuarios); entre outros.

Ademais AFAGA segue a impartir no Centro de Día de Petelos, sito no edificio da antiga Casa Reitoral, o Taller de Estimulación Cognitiva para maiores que conta con 12 persoas participantes.

Deste xeito, e recén iniciado o curso, preto de 200 maiores mosenses retomaron xa as súas habituais actividades deportivas, de saúde e lecer previas á crise sanitaria; o que desde o Concello de Mos considérase unha moi boa nova.

A alcaldesa de Mos explicaba a este respecto que “comezamos a retomar a normalidade agora que parece que quedou atrás a fase máis severa da crise sanitaria da COVID-19, xa que a veciñanza precisa recuperar as súas actividades deportivas habituais, que son altamente beneficiosas para os hábitos de vida saudables e para manter unha óptima saúde física e mental, sobre todo no caso dos nosos maiores”. Por outra banda, no caso das tan demandadas excursións, Nidia Arévalo, declaraba que “os obxectivos deste tipo de iniciativas son dar resposta á demanda da cidadanía veciña de Mos que desexa volver a viaxar, facer visitas culturais e artístico-históricas, favorecer o coñecemento doutras cidades e provincias, promover o turismo como ferramenta de lecer, aprendizaxe e socialización, impulsar a participación e integración social das persoas na comunidade, e previr a soidade. Un aspecto moi importante a destacar deste tipo de saídas, é que fortalecen os lazos entre os veciñ@s fomentando a súa vez a autonomía persoal, as habilidades de socialización e o aprendizaxe, entendendo este, como aspecto imprescindible a desenvolver ao longo da vida”. 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad