A opción nacionalista consiste nun soterramento da vía de 700 m no que poder comunicar o casco urbano coa zona verde do río
O deputado Néstor Rego visitou esta mañá o Porriño. Tras manter unha reunión co concelleiro de Urbanismo Pedro Pereira e a responsábel local Míriam Martínez, deuse a coñecer a posición que defende o BNG para a supresión do paso a nivel e o soterramento das vías.
O Bloque reclama soterrar o tren entre a estación e o Paseo do Louro, un tramo de arredor de 700 m que permitiría comunicar o casco urbano coa zona verde do río, gañando unha gran plataforma para uso público en superficie.
Rego comprometeuse a esixir ao Goberno do Estado investimentos para acometer a obra. O parlamentario do Congreso introducirá este asunto, a través da presentación dunha emenda, nas negociacións que o BNG manterá co PSOE e Unidas Podemos para a aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado, e realizará tamén unha pregunta parlamentar para coñecer de primeira man a disposición da Ministra e a posición de ADIF.
Rego considera que non só se trata de suprimir unha barreira física, como é o paso a nivel, senón de medrar en espazo público para a veciñanza. “Demandamos que haxa unha mellor integración no tramo urbano, obxectivo que é perfectamente posíbel se hai vontade política por parte do Goberno español”, declarou o deputado nacionalista.
O portavoz do Bloque e concelleiro de Urbanismo, Pedro Pereira, lembra que existen avances para a supresión do paso a nivel e reclama que o proxecto sexa ambicioso. Pereira apunta a necesidade de alongar o soterramento que propón ADIF a día de hoxe. “É unha demanda histórica do Porriño e non podemos hipotecar o noso desenvolvemento urbano cunha solución parcial. Non aceptaremos un soterramento que se limite a eliminar o paso a nivel. Esiximos como mínimo poder eliminar tamén a barreira que supón a día de hoxe a vía do tren na comunicación entre o centro e o Louro. Unha obra desta importancia ten que estar planificada pensando no futuro. Para nós esta é unha intervención central que permitiría avanzar no modelo de vila que proxectamos para O Porriño”, declarou Pereira.
En relación con ese obxectivo, desde o BNG apóstase polo río Louro e o bosque de ribeira como o pulmón que O Porriño precisa. A concellaría de Urbanismo vén de adquirir 20.000m2 de terreos na contorna do río e amplía unha zona verde e de lecer na que poder proxectar tamén novos equipamentos.
Para a organización nacionalista, a recuperación integral deste espazo para a xente non será completa mentres o matadoiro permaneza na súa localización actual, polo que apostan pola negociación dun traslado crucial de cara ao futuro do municipio.