Sthela Táboas 08/10/2021

No Día da Ciencia homenaxeouse a esta pioneira da Xenética Médica en España coa plantación do exemplar que leva xa o seu nome

A presidenta provincial tamén fixo entrega de dúas figuras de camelia deseñadas pola artista Ana Tenorio á presidenta do Consello de Estado, María Teresa Fernández de la Vega -sobriña da homenaxeada- e ao seu irmán Jesús

A pioneira da Xenética Médica en España, Jimena Fernández de la Vega, tivo hoxe o seu xusto e merecido recoñecemento co homenaxe que lle brindou a RACG no Día da Ciencia en Galicia que se celebrou en Santiago. Desde hoxe, a científica conta cunha placa nun banco na súa honra no Parque das Ciencias da cidade compostelá e tamén, cedida pola Deputación de Pontevedra, cunha camelia que leva o seu nome e que é a segunda que se planta nun espazo público despois da existente no Xardín do Castelo de Soutomaior. A presidenta provincial, Carmela Silva, participou na plantación deste exemplar xunto á presidenta do Consello de Estado e sobriña de Jimena Fernández, Teresa Fernández de la Vega, así como outros e outras familiares que estiveron presentes no acto organizado pola Real Academia.

Carmela Silva, agradeceu á Real Academia e ao alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, a invitación para participar na homenaxe “a unha muller que admiramos moitísimo e que é unha desas mulleres que nos teñen aberto o camiño a todas”. Explicou que a camelia Jimena Fernández de la Vega forma parte do Xardín de Camelias no Nome de Muller que a Deputación comezou a plantar hai un ano e que xa conta con exemplares dedicados a Rosalía de Castro e Pardo Bazán, e subliñou que se dedicará outra á irmá xemelga da homenaxeada, Elisa, que xunto a ela foron as primeiras mulleres licenciadas en Medicina pola Universidade de Santiago no ano 1919.

Engadiu a presidenta que aínda que se está “a dar impulso” ao recoñecemento das mulleres científicas é necesario seguir a reivindicalas “porque moitas das cousas que usamos e que son de primeira necesidade as inventaron mulleres”.  “Temos que recuperar o nome das mulleres que son as nosas mestras, son o vínculo que nos permite seguir traballando polo valor humano máis  decente que existe, que é a igualdade , que nós, a metade do mundo poidamos ter a metade de todo”, subliñou tras apuntar que De la Vega e ÁngelesAlvariño son as dúas únicas mulleres nas 13 persoas recoñecidas ata o momento no Día da Ciencia en Galicia.

Amais de participar xunto á familia de Fernández de la Vega na plantación deste exemplar, a presidenta fixo entrega á presidenta do Consello de Estado e ao seu irmán Jesús de dúas esculturas de camelia realizadas pola artista Ana Tenorio, que ambos recibiron con emoción. “As dúas irmás xemelgas Fernández de la Vega eran tan fortes, tan potentes, tan extraordinarias, que foron as tías dunha muller que chegou para defendernos a todas, María Teresa –dixo Carmela Silva-. Con ela chegamos todas. É fundamental que as mulleres saibamos que non basta con que chegue unha, temos que chegar todas”.

Pola súa banda, Teresa Fernández de la Vega agradeceu a homenaxe brindada a súa tía e subliñou que “houbera estado moi feliz, e creo que non se podería nin crer todo o que está pasando”. “Que Jimena estea a formar parte dun Xardín de Cameliascon nome de muller xunto a Pardo Bazán ou Rosalía de Castro  é algo que para ela houbese sido impensable –destacou-, pero estou segura de que se van reencontrar dunha forma moi grata. Ela forma parte dunha loita e unha historia común de mulleres que o tiveron moi difícil e que fai que nós o teñamos hoxe máis fácil. Forman parte do noso patrimonio de vida e da nosa forma de ser e estar porque son un exemplo para todas nós”. Neste senso, apuntou que “hai que seguir nesta batalla polos dereitos, porque queda moito traballo por facer”.

 “Ela merece esta homenaxe –engadiu a presidenta do Consello de Estado- porque foi unha muller comprometida coa cidadanía, coa ciencia, co coñecemento e co progreso”. Teresa Fernández de la Vega remarcou tamén que “é un recoñecemento a todas as mulleres, porque Jimena, sen sabelo incluso cando empezou, foi unha feminista comprometida. Ter o valor como tiveron as irmás xemelgas de facer a carreira por libre naquela época, porque as expulsaron nun acto intolerable de discriminación, avala tamén o capital que temos neste país e,nesta terra de Galicia de maneira particular, de mulleres comprometidas coa igualdade, coa diversidade”.

Deja un comentario.

Tu dirección de correo electrónico no será visible. Los campos obligatorios están marcados con *

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable Sthela María Táboas González.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Sthela María Táboas González.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad