Sabela Landín 05/10/2021
Axuda no Fogar

Lamentan que o Concello non atendese ningunha das propostas da parte social antes da súa aprobación no pleno

A CIG vén de denunciar publicamente que os pregos do concurso de adxudicación do Servizo de Axuda do Fogar (SAF) do Concello de Mos, que hoxe foron aprobados no pleno, non dignifican o traballo do cadro de persoal nin incorporan ningunha das propostas achegadas pola parte social.

Dende a central sinalan que o Goberno local non atendeu nin as achegas da CIG nin as de CCOO, “cando a inclusión das nosas propostas no texto non tiña complicación algunha e solucionaríase cunha simple corrección, o que amosa unha falta absoluta de respecto e desprezo a unhas traballadoras cara as que o Concello si amosou interese no seu día para facer propaganda institucional coa foto dunha homenaxe populista”.
En canto ao contidos dos pregos, explican que o propio Concello realizou un estudo do custe por hora de servizo que fixa en 17,97 euros “Entendemos que este cálculo contén algunha trampa, pois valora o custe da quilometraxe en 15.882, 98 euros, cando a memoria recolle que se fixeron neste ano uns 130.000 quilómetros, o que suporía un gasto de 24.700 euros”.
Con todo sosteñen que o máis grave é que, aínda dando por bo este cálculo, o Concello premia aquelas empresas que baixen o prezo por debaixo do seu custe, establecendo que puntuará con 30 puntos a oferta máis baixa, fixando o límite en 18 euros. “De onde cre o Goberno local que van saír os cartos para traballar a baixo custe? De onde se poden sacar os cartos dun servizo no que os gastos de persoal supoñen un 90% do seu valor e no que o gasto de compras e material non chega ao 1%? é evidente que da precariedade das traballadoras, xa que non hai máis de onde sacar”.
Por iso consideran que estes datos son un claro exemplo de que é a Administración a primeira responsábel da situación das traballadoras do SAF e da baixa calidade asistencial, “xa que saben que o prezo que oferta non dá para cubrir o seu xa de por si miserento custe salarial, premiando con 30 puntos aquela empresa que estea disposta a infrinxir a lexislación laboral, como así o viña facendo a actual adxudicataria”.
Criterios de desempate
Ao mesmo tempo, critican que é tal o “desleixo” do Concello na elaboración dos pregos que establece como un dos criterios de desempate o número de mulleres contratadas polas empresas, “obviando que no sector o 99% por cento das contratadas son mulleres, e desprezando a proposta da CIG de incluír como criterio de desempate o maior número de contratacións de mulleres a xornada completa, sendo este aspecto o factor que máis incide na precariedade das auxiliares, contratadas na súa práctica totalidade a xornadas parciais”.

No que ten que ver coa proposta técnica, censuran que nos pregos valóranse con tan só 10 puntos os protocolos de actuación da empresa, a pesar de que neste apartado inclúense cuestións “tan vitais” para o correcto funcionamento do servizo como protocolos de urxencias, conflitos, acoso, detección de violencia, maltrato e abandono e seguridade e saúde laboral.
Tamén puntúan con tres puntos a entrega de material EPI como zocos e pantalóns, cando é obriga de todas as empresas a entrega do material necesario. “Pola contra, non se dá puntuación extra algunha a aquela empresa que teña sede no concello de Mos, deixando aberta a posibilidade de que a adxudicataria poida situarse nunha localidade limítrofe, polo que se pode dar o caso de que a oficina de atención do SAF de Mos estea situada en Vigo, obrigando a usuarias/os e traballadoras a ter que trasladarse a esta cidade para calquera xestión”.
Réxime sancionador
Ademais, amosan a súa disconformidade co feito de que o Concello se moleste en incluír no prego un réxime sancionador polo que se establecen multas á empresa no caso de incumprimentos e faltas. “Isto supón novamente unha absoluta falta de consideración cara as auxiliares, pois só se penalizan as súas faltas de asistencia, limpeza, puntualidade, etc, animando polo tanto ás empresas a exercer un control férreo e puníbel do traballo das auxiliares”.
Pola contra, lamentan que non se inclúa nin unha soa cualificación de falta polo incumprimento das obrigas da empresa coas traballadoras, como por exemplo a vulneración da lexislación laboral, a falta de medidas de seguridade e hixiene, non entregar o material necesario ou non seguir os plans de formación.
Por todo isto, amosan a súa total desconformidade co prego de condicións do concurso de adxudicación do SAF de Mos e reclaman unha verdadeira dignificación do traballo das auxiliares e do traballo de coidados, ao tempo que denuncian que “as mulleres non somos obxectos cos que facer fotos de propaganda política”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad