Ángeles Vázquez salienta que se converte no municipio galego número 110 que dispón desta ferramenta urbanística coa que apostar por un desenvolvemento responsable, sostible e equilibrado
Afirma que hoxe se recollen os froitos dun traballo iniciado hai 17 anos, unha mostra do esforzo e implicación de moitas persoas
O PXOM estudou polo miúdo os máis de 125 km2 que abrangue o concello, que ten case un 90% de solo rústico
A Xunta de Galicia aprobou o pasado venres o primeiro Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Ponteareas, que converte a este municipio pontevedrés no número 110 en Galicia en dispor dun PXOM adaptado e acorde á normativa urbanística vixente.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, coa presenza da alcaldesa, Cristina Fernández, asinou esta mañá na Casa do Concello a orde pola que se constata a aprobación definitiva deste instrumento de ordenación.
Grazas a esta ferramenta permitirase a concreción urbanística deste municipio e das súas previsións, ao tempo que é unha garantía para o desenvolvemento responsable, sostible e equilibrado do concello durante os próximos 16 anos, ata o 2037.
Segundo manifestou a conselleira, “hoxe recóllense os froitos dunha tramitación que comezou hai xa 17 anos e comeza unha nova etapa para Ponteareas”, ao tempo que se acada un Plan xeral que é “o resultado do traballo, do esforzo e da implicación de moitas persoas”. Ademais, engadiu que é a folla de ruta do futuro de Ponteareas e beneficia a case 23.000 habitantes distribuídos en 24 parroquias existentes.
Nesta liña, Vázquez Mejuto recordou que redactar este PXOM supuxo estudar en detalle os máis 125 quilómetros cadrados da superficie do termo municipal, polo que se pode afirmar que preto dun 90% do territorio de Ponteareas é solo rústico, seguido xa a moita distancia polo solo de núcleo rural (un 8,3%).
Indicou que un PXOM é un instrumento para garantir a preservación da paisaxe e do territorio rural, polo que prevé a realización dun catálogo específico dos espazos e dos elementos máis sobresaíntes do patrimonio cultural; para planificar os emprazamentos de novas zonas produtivas, empresariais e terciarias do concello, así como dos novos sistemas estruturantes de comunicación e das infraestruturas urbanas.
Nese sentido, a alcaldesa destacou que o novo plan xeral “marcará un antes e un despois para Ponteareas” e para os proxectos que estaban á espera do mesmo, pois suporá un impulso determinante para o tecido social, cultural, empresarial e económico, indicou.
Por último, a conselleira sinalou que ao longo destes anos nos que Ponteareas traballou no seu PXOM, Galicia mudou e avanzou, sobre todo, na súa situación urbanística como comunidade e no seu marco normativo; con 110 concellos cun plan xeral adaptado e acorde á normativa urbanística vixente.