Sthela Táboas 02/10/2021

Ofrecéronse 97 concertos, coa participación de arredor de 4.000 instrumentistas e máis de 500 profesionais implicados

O concerto no Rosal será a cargo da Agrupación Musical de Vincios este domingo ás 12.45 h na praza do Calvario

O ciclo ‘O país das bandas’, promovido pola Xunta en colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música Populares no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22, despídese mañá domingo no concello pontevedrés do Rosal, co concerto da Agrupación Musical de Vincios. O programa percorreu desde o pasado 1 de xullo case 90 localidades e ofreceu 97 actuacións nas que participaron arredor de 4000 instrumentistas e directores de 76 formacións musicais. Ademais, máis de 500 profesionais directamente relacionados coa actividade das bandas beneficiáronse da iniciativa.

Deste xeito, un de cada catro concellos galegos acolleu un concerto do ciclo ‘O país das bandas’, que estivo presente no 80% das comarcas. Percorréronse máis de 6000 quilómetros para levar a música tanto ás cidades como a concellos pequenos do rural sen tradición bandística. Co obxectivo de fomentar a interpretación de composicións de autoría ou temática galega, cada banda incluíu no seu repertorio un mínimo dun terzo destas pezas. O total de composicións que soaron ascende a case 900.

O concerto previsto para o domingo no Rosal pon o peche ao ciclo coa Agrupación Musical de Vincios, que actuará este domingo ás 12.45 h na praza do Calvario. A actuación, prevista para a semana pasada, tivo que adiarse por mor da chuvia e recupérase nesta nova data. Creada en 1982 e dirixida na actualidade por Adrián Viñas Alonso, o repertorio previsto é ‘Soñar en Xirimbao’, ‘Atlantis’, ‘Fate of the gods’, ‘Invicta’ e ‘A mi banda’. Soarán tamén ‘Abba mía’, ‘Mi gran noche’, ‘Campo de Noia’ e ‘Mozos do Penedo’.

‘O país das bandas’ é unha das iniciativas incluídas no Plan de reactivación cultural deseñado pola Xunta, que este pasado verán impulsou máis de 3.000 actividades por toda a xeografía galega, cun investimento superior aos 9M€. Forma parte tamén da programación especial do Xacobeo 21-22, unha oferta diversificada e descentralizada que abrangue todas as manifestacións artísticas e se dirixe a todo tipo de públicos, tanto en zonas urbanas como do rural.

O ciclo de concertos de bandas púxose en marcha ao abeiro do convenio asinado o pasado maio pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Federación de Bandas, mediante o que a Xunta cuadriplicou a súa colaboración con esta entidade a través dun investimento de 400.000 €. Deste xeito, refórzase a colaboración co colectivo, ao que este ciclo lle ofrece unha plataforma desde a que aumentar a visibilidade social e reivindicar tanto a súa calidade musical coma o seu labor de divulgación entre o gran público.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad