O secretario xeral provincial, David Regades, mantén unha xuntanza con representantes das agrupacións locais de Tui, O Porriño, Salceda, Oia, O Rosal, A Guarda e Tomiño
Comezar a preparar a precampaña e a campaña das Eleccións Municipais de 2023 foi o obxecto da xuntanza que o secretario xeral do PSdeG-PSOE da provincia, David Regades, mantivo con representantes locais de Tui, O Porriño, Salceda de Caselas, Oia, O Rosal, A Guarda e Tomiño. Regades destacou o feito de que a xuntanza celebrouse en Tui, un dos 23 municipios da provincia de Pontevedra que contan con alcalde ou alcaldesa socialista, pero tamén podería terse celebrado na Guarda, Salceda de Caselas ou no Porriño, onde hai equipos de goberno que despregan axendas progresistas.
O secretario xeral insistiu en que o PSdeG-PSOE está a vivir un momento de avance da man dun Goberno de España “obsesionado en pilotar unha recuperación económica xusta” e que, ademais, demostra sensibilidade social en cada unha das decisións que toma, en contraposición a unha Xunta de Galicia “ausente e que gasta gran parte das súas enerxías en confrontar con Madrid”.
O socialismo, continuou Regades, ten no mundo local a súa principal fortaleza, como demostra o feito de que as Alcaldías socialistas gobernen nestes intres a 600.000 das 900.000 persoas que residen na nosa provincia. “Somos a provincia máis socialista e demostrámolo votación tras votación, especialmente nas Municipais”, recalcou o máximo responsable da Executiva provincial. “As Locais son as eleccións cara a cara, nas que a xente vota coñecendo ás persoas”, engadiu. Ao respecto, Regades incidiu en que nas comarcas do Baixo Miño e Louriña hai expectativas de mellora tanto nos concellos onde se goberna “nos que aspiramos a ampliar maiorías”, como aqueles que aínda non contan con rexedor/a socialista.
A xuntanza serviu tamén para analizar o clima de consenso e acordo que presidiu a elaboración da lista dos/as 16 delegados/as que asistirán ao próximo Congreso federal do PSOE en Valencia a mediados do próximo mes de outubro e na que a comarca e na que figura a alcaldesa de Salceda de Caselas, Verónica Tourón. “Quedou claro que aquí non hai familias, que a nosa familia é o PSdeG-PSOE”.