Mónica Romero 27/09/2021

O médico tudense Rosendo Bugarín e a súa familia fixeron entrega dos 31 números editados entre 1913 e 1914

O Concello de Tui vén de recibir a doazón da colección completa dos 31 números editados entre 1913 e 1914 do xornal satírico tudense “La Tetera” de mans do médico tudense Rosendo Bugarín González e a súa familia.

O acto de entrega desta doazón tivo lugar no salón de sesións da casa do concello e estivo presidido polo alcalde, Enrique Cabaleiro, quen definiu estes exemplares de “La Tetera” como “unha xoia do noso pasado literario e pseudoperiodístico que agora a familia de Rosendo Bugarín cede con gran xenerosidade ao Concello de Tui, onde se aloxarán no arquivo municipal e dende esta institución aproveitaremos para protexer e poñer en valor”.

O rexedor tudense trasladoulle ao médico e escritor o seu agradecemento e o de todos os veciños e veciñas da cidade pola inmensa gratitude demostrada con este xesto, e recoñeceu ademais a importancia e protagonismo que Rosendo Bugarín ten actualmente na vida pública de Tui, polo seu labor como médico e polo compromiso que amosa día a día coas súas publicacións.

Pola súa banda, Rosendo Bugarín expresou a súa satisfacción por esta cesión e explicaba que así se completa a vontade expresada en diversas ocasións polo seu pai sobre o destino da colección. Para Bugarín “non hai outro lugar máis idóneo para garantir a conservación desta colección xornalística que o Arquivo Municipal” e sinalaba que “así tamén se permitirá o acceso público aos seus contidos que teñen un carácter satírico, de crítica política”.

O xornal “La Tetera”

O xornal “La Tetera” é un semanario de carácter satírico editado na cidade entre o 12 de outubro de 1913 e o 6 de decembro de 1914. Foron publicados 31 números. O seu primeiro director foi Jenaro Carrera, estando a redacción no seu domicilio da rúa Seijas nº 10. Posteriormente accede á dirección o avogado Emilio Sías, trasladándose a redacción á rúa Augusto González Besada nº 3. Un dos seus principais impulsores e redactores foi o médico Alejo Diz Jurado. Imprimíase na Tipografía Gutemberg da Guarda.

Foi editado polos sectores anti-ordoñistas da política local. Ezequiel Ordoñez e o seu fillo Mariano Ordoñez controlaron a política de Tui e o seu distrito ao longo de boa parte da Restauración, en concreto foron elixidos como deputados por Tui entre 1876 a 1901 Ezequiel Ordoñez e dende 1903 a 1923 o seu fillo Mariano Ordoñez. “La Tetera” da continuidade a outro xornal tamén oposto ao Ordoñez, “La opinión”, editado en 1908.

Trátase dun xornal de carácter satírico, xa dende a súa cabeceira. Adopta o nome de “La Tetera” en referencia ao agasallo que o representante político dos Ordóñez en Tui e o seu distrito, o rexistrador da propiedade José Herraiz, realiza a Mariano Ordóñez co gallo da súa voda: un xogo de té. “La tetera” xorde así como unha voz crítica á submisión dos conservadores tudenses aos Ordóñez, que controlaban a política local, e ao seu afastamento da cidade e as súas xentes.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad