Emprega o software libre Moodle e contará con pílulas formativas continuamente actualizadas sobre novas tecnoloxías
A Deputación de Pontevedra vén de poñer en marcha unha plataforma de formación online dirixida ás persoas autónomas, emprendedoras e empresas usuarias do programa SmartPeme. A aplicación, xa operativa, emprega o software libre Moodle, recoñecido a nivel mundial pola súa facilidade de uso, e permitirá que as e os usuari@s poidan acceder aos contidos de SmartPeme as 24 h dos 365 días do ano.
O Moodle de SmartPeme, semellante ao que xa emprega a Deputación de Pontevedra para a capacitación do seu persoal, contará cunha selección de pílulas formativas que serán periodicamente renovadas e actualizadas. A nova plataforma de formación online está organizada nas categorías: TIC, Imaxe, CPED -Centro Provincial de Economía Dixital-, Impulsa – competitividade global dos negocios- e TurisTIC -turismo-, as carteiras de servizos do proxecto SmartPeme e ofertará dende vídeos explicativos ata infografías ou presentacións. A día de hoxe conta xa cunha selección de cincuenta obradoiros do programa.
As persoas autónomas, emprendedoras e empresas interesadas en acceder aos contidos da nova aplicación de SmartPeme deberán rexistrase a través da ligazón permanente que estará á súa disposición en https://smartpeme.depo.gal/gl/inicio. Tamén a través do formulario que se enviará coa newsletter quincenal de SmartPeme. Unha vez recibidos os datos e realizada a inscrición as persoas interesadas recibirán unha mensaxe confirmando que foron rexistradas no sistema cun nome de usuari@ e contrasinal de acceso. A partir deste momento, as persoas poderán xa acceder aos contidos do Moodle de SmartPeme e ampliar, en calquera lugar e momento, sen limitación de horarios e rachando con calquera barreira física ou temporal, coñecementos en materia dixital e de mellora da competitividade.
A institución provincial dá un paso máis na formación telemática, impulsada notablemente trala pandemia da covid-19. Deste xeito, co novo Moodle de SmartPeme, que servirá como complemento ás actividades de capacitación que a rede vai seguir realizando con carácter semanal, a Deputación de Pontevedra amplía o catálogo de ferramentas dixitais ao servizo do tecido industrial da provincia.