Paco Diéz ofrece este domingo, na igrexa de San Domingos, o concerto “Secretos de Sefarad”. Forma parte da programación das Xornadas Europeas da Cultura Xudía
Este domingo, 19 de setembro, ás 19.30 horas terá lugar na Igrexa tudense de San Domingos un concerto titulado “Secretos de Sefarad” a cargo do artista musical Paco Díez. Este evento musical pecha o programa de actividades realizadas polo Concello de Tui, conxuntamente co municipio de Valença, ao longo deste mes de setembro arredor da celebración das Xornadas Europeas da Cultura Xudía.
Paco Díez é un artista de acreditada traxectoria na investigación da música tradicional e popular española, especialmente das tradicións sefardís. É un concerto en solitario de música sefardí con voz, zanfona, guitarra, mandola e derbouka. Unha excepcional oportunidade de achegarse a unha das mais emblemáticas expresións culturais dos xudeus de Sefarad. A entrada ao concerto é libre até completar o aforo.
Nado en Piñel de Abajo – Valladolid, de familia de labradores casteláns, Paco Díez é cantante e músico autodidacta, comeza a súa andaina en 1978. Orienta a maior parte da súa traxectoria á divulgación da Cultura Musical Ibérica, acompañado de guitarra, zanfona, salterio, rabel, etc, e conta cunha sólida bagaxe etnográfica apoiado por un rigoroso traballo de recompilación do saber tradicional por diversas zonas da Península. Realizou concertos por todo o mundo, tanto en solitario como coa Bazanca, Tradibérica, Tres Culturas Tres, Esencias de Sefarad, etc, converténdose en recoñecido embaixador da lingua e cultura de España. Apaixonado dos instrumentos tradicionais, conta coa única Aula-Museo que alberga máis de 450 pezas de España, Portugal, Occitanía (terzo sur de Francia) e Magreb, así como unha importante colección de gaitas do mundo. É un dos maiores expoñentes a nivel nacional e internacional no Romancero Ibérico e na Música Sefardí.
Para Laureano Alonso, concelleiro de Patrimonio, Turismo e Camiño de Santiago, este concerto completa unha intensa programación centrada neste ano no lema “Diálogos” que ao longo deste mes de setembro nos ten achegado á historia, ao patrimonio, á música ligada ao legado sefardí na cidade de Tui. Resta como epílogo á programación o ciclo retrospectivo que o Festival Internacional de Documentais – Play Doc dedica a Manfred Kirchheimer coa proxección, entre outras, da película We Were So Beloved – Éramos tan amados (1986) sobre a temática dos xudeus instalados en Estados Unidos ao fuxir da persecución nazi.
Diálogos coa música: Concerto “Secretos de Sefarad” con Paco Díez
- Domingo 19, ás 19.30 h, na Igrexa de San Domingos
- Entrada libre ata completar aforo.