Mónica Romero 10/09/2021

A Federación Pola Igualdade Das Mulleres Da Provincia de Pontevedra (Femupo) quere dar visibilidade e apoio ao proxecto ‘Mulleres Tudenses’ impulsado pola Asociación Mulleres en Igualdade de Tui (Amei Tui), membro desta federación

Esta ambiciosa iniciativa busca visibilizar o traballo e a aportación á súa contorna de diferentes mulleres tudenses co obxectivo de que as novas xeracións coñezan casos reais e próximos que lles sirvan como referente.
“Está moi ben falar de mulleres referentes a nivel mundial pero cremos que é importante dar a coñecer á rapazada de Tui a esas mulleres que viven preto, que poden atopar pola rúa e que son deportistas, empresarias, mestras, científicas”, explica a presidenta de Amei Tui, Anabel Solla.


A fórmula elixida para achegar as vidas destas mulleres tudenses contemporáneas ás novas xeracións é a través dun libro composto por entrevistas a cada unha delas. A listaxe de mulleres que conformarán o libro segue a ampliarse. Entre as entrevistadas atópanse mulleres de todas as parroquias de Tui, mulleres próximas con moito que contar.
“Neste punto estamos á procura de financiamento para poder sacar adiante este proxecto”, conta Solla, “falamos con diversas entidades e coa Administración, estamos buscando subvencións e o apoio doutros axentes sociais que queiran colaborar”.


Femupo súmase ao apoio a este proxecto que pon o foco sobre o esforzo, os logros e conquistas de mulleres que non reciben grandes recoñecementos nin saen nos medios de comunicación pero que son, por méritos propios, referentes próximos para as nenas e nenos da súa bisbarra.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad