A concelleira de Educación visitou o CEIP Fernández López no primeiro día da volta ao calendario escolar
A concelleira de Educación do Porriño, Lourdes Moure, asistiu ao colexio “Fernández López” con motivo do primeiro día do curso 2021/2022, que comezou hoxe en Educación Infantil, Primaria e Educación Especial.
Deste xeito, hoxe iniciaron as clases no municipio de O Porriño preto de 1.700 nen@s -Educación Especial 41, Infantil 465 e Primaria 1.118-; sendo os que maior número de matrículados albergan, os colexios Fernández López e o Antonio Palacios.

Con motivo desta visita, a concelleira de Educación comprobou a provisión de libros na Biblioteca do CEIP, tras a doazón feita polo Concello do Porriño á ANPA deste centro, “A Oliveira”.
Xunto a Moure, estiveron a presidenta da Asociación de Nais e Pais, Mónica Pita; o director do colexio, Benito Rodríguez; e o responsable da biblioteca, o profesor Ricardo García.
Durante a visita ao centro, a concelleira de Educación indicou aos responsables do colexio que espera recibir en breve o proxecto técnico e o orzamento para as obras de reposición do tellado, actualmente feito de uralita, tal como se comprometeu a enviar a Xefatura Territorial de Consellería de Educación. Segundo o acordo acadado recentemente, o Concello e a Xunta de Galicia colaborarán na realización e financiamento da obra.

