Mónica Romero 08/09/2021

A provincia de Pontevedra rende homenaxe aos Deportistas Paralímpicos. “Sodes as verdadeiras heroínas e heroes desta sociedade”

A Sala Rosalía da sede viguesa da Deputación, presidida por un “GRAZAS” protagonista en todo momento no evento, foi testemuña hoxe da homenaxe e agradecemento da provincia de Pontevedra ás e aos dez deportistas que participaron nos Xogos Paralímpicos de Tokio. Carmela Silva, acompañada do deputado de deportes, Gorka Gómez, recibiron ás e aos paralímpicos, en palabras da presidenta como “as verdadeiras heroínas e heroes desta sociedade. Sodes o mellor que temos, sodes a bomba!”. “Facedes posible que o imposible se converta nunha realidade e non hai palabras nos dicionarios para definirvos”.

Tralo visionado da peza audiovisual na que se presentaron ás e os 10 deportistas da provincia que participaron na cita olímpica, a presidenta do ente provincial fixo fincapé no enorme sacrificio que hai detrás dos e das deportistas e amosou a súa admiración por todas as persoas que practican deporte e, en particular, polas que están na elite. “Que potente é esta provincia no mundo do deporte” reivindicou. “Non só temos a maioría dos deportistas participando, senón que a maioría das medallas e diplomas recaeron na provincia; nada máis e nada menos que tres das cinco medallas galegas e 10 dos 15 diplomas”. Carmela Silva fixo un recoñecemento especial ao papel das mulleres no deporte, “que o teñen moito máis difícil” e destacou tamén ás e aos que levan xa varias paralimpiadas ás costas, como é o caso do vigués Chano Rodríguez, que na súa sexta participación no evento deportivo “está a rachar con todos os datos estatísticos”. Para Carmela, a palabra “grazas” foi a protagonista do recibimento, “por situar a Galicia e á provincia a nivel internacional, porque sodes o maior orgullo que temos, porque non hai palabras para definir o que facedes”. Amais, a presidenta quixo trasladar a admiración de toda a provincia cara ás e os deportistas: “Sentide o cariño e o agradecemento de Pontevedra que hoxe teño o privilexio de por na miña voz; estaremos pendentes de todo o que vai acontecer no futuro máis inmediato”.

As e os paralímpicos da provincia asinaron no Libro de Honra da Deputación “onde a xente que representa os valores da sociedade deixa a súa impronta” e recibiron un agasallo da institución. Todos/as coincidiron no seu agradecemento ao apoio da institución provincial, necesario para que o deporte non se free. Susana Rodríguez –medalla de ouro en Triatlón e Diploma en 1.500 metros– amosou a súa alegría pola completa representación en canto a número e variedades deportivas na provincia e recalcou que “é importante que a figura dos deportistas de apoio se vaia tratando por igual, porque sen eles, as persoas con diversidade funcional visual non poderíamos adestrar”. Celso Comesaña –deportista de apoio de Susana Rodríguez– incidiu nese papel que o sitúa, xunto a Gustavo Rodríguez, en pioneiros en Galicia, para resaltar o fundamental do apoio das institucións no deporte de apoio.

Pola súa banda, o deportista de apoio e medalla en prata en Triatlón, Gustavo Rodríguez, celebrou o agarimo e a axuda que están a recibir tras os Xogos, “nos deportes minoritarios non estamos acostumados a recibir tantas mostras de apoio”. Juan Antonio Saavedra sinalou a importancia de impulsar ás novas xeracións e demostrou o espírito incansable que comparte cos seus compañeiros/as, “Tokio rematou o domingo, e xa estamos a prepararnos para París”. Tamén falou Agustín Alejos –Diploma Olímpico en Baloncesto–, que expresou as súas ganas por seguir adestrando e traballando para ter mellores posibilidades nas seguintes paralimpiadas. Chano Rodríguez –Diploma Olímpico en Natación nas probas de 50 m. e 200 m. libres– puxo en alza o feito de que “chegar aquí non só e un esforzo físico, senón económico, e Galicia e Pontevedra está avanzando a pasos axigantados neste senso”; algo no que coincidiu Gustavo Nieves –Diploma Olímpico en Atletismo–, “falando con outros compañeiros/as dámonos conta de que o apoio que recibimos aquí e maior ca o doutros sitios”. Finalmente, Martín de la Puente –Diploma Olímpico en Tenis– agradeceulle ao ente provincial o recibimento, “sempre é especial vir á casa e que te reciban cos brazos abertos”.

Nestes Xogos Paralímpicos a expedición galega estivo formada por 16 deportistas, dos cales 10 pertencen á provincia pontevedresa. Susana Rodríguez, Juan Antonio Saavedra, Celso Comesaña, Gustavo Rodríguez, Agustín Alejos, Chano Rodríguez, Gustavo Nieves, Martín de la Puente, xunto a Desirée Vila e María Victoria Alonso que non puideron asistir á recepción, colaboraron de forma decisiva en que o equipo paralímpico español acabase cun resultado que superou ó da edición carioca, acadando a cifra final de 36 medallas (9 de ouro, 15 de prata e 12 de bronce) e 131 diplomas.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad