As entidades beneficiarias poderán recibir como máximo o 70% do orzamento presentado e ata un máximo de 5.000 € por comunidade
O Concello de Salceda de Caselas ven de publicar no boletín oficial da provincia as bases das subvencións dirixidas ás comunidades de persoas usuarias de augas para o ano 2021, co obxectivo de que melloren as súas instalacións.
Poderán ser beneficiarios destas axudas aquelas asociacións de persoas usuarias de augas legalmente constituídas, mediante un proceso de concorrencia competitiva. O obxecto da convocatoria é subvencionar obras, adquisición de materiais, man de obra ou equipamentos asociados a melloras en diversas áreas de actuación, como a captación de fontes e pozos, o mantemento e conservación dos sistemas de almacenamento e a potabilización, reparacións na rede de distribución ou o mantemento e conservación de instalacións.
As entidades beneficiarias poderán recibir como máximo o 70% do orzamento presentado e ata un máximo de 5.000 € por comunidade de augas.
A publicación fíxose o 7 de setembro e o prazo de presentación de solicitudes son 15 días dende o día seguinte da publicación. A convocatoria completa pode consultarse na Base de Datos Nacional de Subvencións.
O concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente, Rubén González Coto, explicou que “con estas axudas para este ano 2021 queremos axudar as nosas traídas a mellorar os seus servizos e a calidade das mesmas”.
A alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón, subliñou a novidade de estas axudas “Salceda conta por primeira con 30.000 € no seu orzamento para subvencións a traídas de augas parroquiais. Unha axuda que revertirá nun mellor servizo á veciñanza do noso rural”.