Mónica Romero 08/09/2021

Dezasete showcases, dous concertos especiais e faladoiros profesionais. O Encontro Profesional Músicas no Minho celébrase do 9 ao 11 de setembro en diferentes localizacións de Tui e Valença e con boa parte do programa aberto ao público

Bota andar o MUMI 2021 o xoves 9 de setembro na Eurocidade Tui-Valença cun programa cargado de música ao vivo, no que os encontros entre empresas e profesionais de Galicia e Portugal queren tender novas pontes entre o sector da música. Até o 11 de setembro, dezasete showcases de bandas e artistas portugueses e galegos, a estrea absoluta da Orquestra de Liberación Galego-Portuguesa na apertura do evento, faladoiros e encontros profesionais, e o concerto especial de peche que reúne no escenario aos Galandum Galundaina e a Uxía, dan corpo ao MUMI Encontro Profesional das Músicas no Minho. Tres días de programación, boa parte dela aberta ao público, que queren contribuír á recuperación musical no contexto da pandemia. Debido ás previsións metereolóxicas, a organización do encontro decidiu trasladar os concertos programados en espazos abertos o xoves 9 a recintos resgardados. Patrocinado pola Eurocidade Tui-Valença e polos concellos de Tui e Valença, tamén apoian o MUMI 2021 a Direção Regional de Cultura do Norte e a Xunta de Galicia así como a Fundação GDA, Fundación SGAE, Mel: Piquenique das artes!, Deputación de Pontevedra, Bodegas Martín Códax, Gadis e Bodegas Corisca.

A programación do MUMI 2021 arranca o xoves 9 pola mañá na Zona PRO, instalada na Escola Superior de Ciências Empresariais de Valença, onde tamén se celebrará un acto de benvida (13:45 GZ/ 12:45 PT). Os showcases programados de bandas e artistas de Galicia e Portugal serán a columna vertebral do MUMI 2021 e boa parte deles ábrense á asistencia do público xeral. Familia Caamagno, Magín Blanco e A banda das apertas, Oîma, O Sonoro Maxín, Pálida, Pulpiño Viascón, Silvia Penide e Xacobe Martínez Antelo Quinteto conforman a relación dos showcases galegos. No caso de Portugal, as bandas seleccionadas son nove: Barry White Gone Wrong, Cassete Pirata, Conjunto!Evite, emmy Curl, Jorge da Rocha, José Valente, Káustika, TAKATUM apresenta Ah!Ah!Ah! e The Guit Kune Do. A previsión de chuvia levou á organización do MUMI a suprimir os escenarios previstos no Paseo da Corredoira en Tui e na Fonte da Vila en Valença, e a trasladar os showcases na rúa en Tui durante a xornada do xoves 9 ao Teatro Municipal.

A actividade na Zona PRO, na Escola Superior de Ciências Empresariais de Valença, bota a andar o xoves 9 de setembro con dous faladoiros: “Dereitos de autoría e dereitos das artistas” (12:45 GZ, 11:45 PT) e “O asociacionismo na xestión cultural” (16:00 GZ, 15:00 PT). Así mesmo o venres 10 están previstos tres faladoiros: “Festivais: creando experiencias arredor da música” (11:00 GZ, 10:00 PT), “Diferentes fórmulas de apoio á cultura” (12:45 GZ, 11:45 PT)) e “As salas de concertos, un referente no sector” (16:00 GZ, 15:00 PT). Durante as mañás do 9 e 10 de setembro as persoas asistentes terán oportunidade de participar en speed meetings que servirán para poñer en contacto a profesionais e empresas que operan en Galicia e Portugal.

A Orquestra Galego-Portuguesa de Liberación estréase no MUMI 2021 o xoves 9 de setembro (Teatro Municipal de Tui, 21.30 GZ / 20.30 PT) no espectáculo especial de apertura. Formúlase como unha extensión natural da Orquestra Galega de Liberación, baixo a dirección de Xacobe Martínez Antelo, e estréase no MUMI. A relación entre as familias improvisadoras portuguesas e galegas nunca foi tan intensa e prolífica como nestes últimos anos, e será no MUMI onde aconteza un dos encontros máis sorprendentes entre estas dúas grandes familias. Coa improvisación como nexo de unión e a vangarda como habitat natural, dezaseis dos mellores músicos galegos e portugueses reúnense botando man do jazz, da música contemporánea, da creación espontánea e da performance.

O MUMI 2021 contará para a súa clausura cun concerto dobre protagonizado por dúas das propostas musicais de maior renome a ambas beiras do Miño: a banda portuguesa Galandum Galundaina e a artista galega Uxía. Será o sábado 11 nas Cortinas de São Francisco (Valença, 22:00 GZ/ 21:00 PT). A asociación cultural Elogio Vádio, asóciase ao MUMI facendo unhaa extension do festival Mel – piquenique das artes (Vila Nova de Famalicão), apoiando o concerto de clausura. Considerado como un dos proxectos musicais máis relevantes no contexto folk de Portugal durante os últimos vinte e cinco anos, Galandum Galundaina construíu un espazo no que o pasado e o futuro da música arraiana van da man. A formación, considerada a embaixadora da música das Terras de Miranda, desenvolve un traballo de investigación ao redor dos instrumentos tradicionais -extraordinario no caso da gaita de fol mirandesa pero tamén en aparellos sonoros de construción propia- así como de promoción cultural, coa organización de eventos como o Festival itinerante de cultura tradicional “L Burro i l Gueiteiro. Pola súa parte, Uxía é unha das maiores embaixadoras da música e a poesía galegas. Nos seus máis de 35 anos de carreira artística renovou a música tradicional galega conectándoa coas culturas atlánticas, combinando alalás con morna, fado ou ritmos brasileiros. Algúns dos temas máis recorrentes que explora nos seus traballos son a busca dun espazo para a voz da muller, o diálogo entre culturas, a poesía contemporánea galega e portuguesa e a defensa da identidade lingüística.

Todos os showcases e concertos abertos ao público teñen entrada libre por orde de chegada con recollida de datos das persoas asistentes.

A animación nas rúas será unha parte importante do MUMI, que incorpora ao seu programa aberto a discoteca móbil vintage “La Duendeneta: os camiños das músicas galegas”, que aparcará na Corredoira en Tui o sábado 11 (19:00 GZ, 18:00 PT). O xornalista musical Carlos Crespo, cunha experiencia de máis de 20 anos na difusión da cultura desde diversos medios de comunicación, trae a súa furgoneta Avia de 1974 ao MUMI para ofrecer un percorrido atemporal e sen complexos polos últimos 50 anos da música en galego, desde Andrés do Barro até Tanxugueiras. Ademais, a Zona PRO do MUMI 2021 acollerá desde o xoves 9 a exposición “cantáMOLA en galego (2000-2020)”, unha mostra itinerante que amosa a variedade de estilos, formacións e solistas que compoñen o panorama musical en galego a día de hoxe. “cantáMOLA en galego (2000-2020)” é unha exposición cedida polo Concello de Pontevedra e que está promovida pola súa Concellaría de Normalización Lingüística. Dous destacados xornalistas musicais, Pepe Cunha e Teresa Cuiñas comisarian os contidos desta exposición.

PROGRAMACIÓN ACTIVIDADES E CONCERTOS MUMI 2021 POR DATA E HORA

Acceso profesional con inscrición previa en mumimusicas.eu na Zona PRO e no Espazo Off. Resto de programación, aberta ao público, gratuíta, orde de chegada e recollida de datos das persoas asistentes.

QUINTA-FEIRA 9 SETEMBRO

VALENÇA

  • 10.30 PT/11:30GZ. EXPOSICIÓN DE MÚSICA EN GALEGO DO S. XXI: “cantáMOLA en galego”

Zona PRO (Valença)

  • 11:45 PT/12.45 GZ: FALADOIRO Dereitos de autoría e dereitos das artistas. Zona PRO
  • 11:00 PT/12:00 GZ. SHOWCASE José Valente, Auditório Zona PRO
  • 12:45 PT/13:45 GZ. Acto de benvida. Zona PRO
  • 14:00 PT/ 15.00 GZ. SHOWCASE The Guit Kune Do. Auditório Zona PRO
  • 15:00 PT/16:00 GZ FALADOIRO O asociacionismo na xestión cultural. Zona PRO
  • 16:30 PT/ 17:30 GZ.. SHOWCASE. Oîma. Zona PRO (Valença)

TUI

  • 19:30 GZ / 18:30 PT. SHOWCASE Cassete Pirata. Teatro Municipal de Tui
  • 20:15 GZ /19:15PT, SHOWCASE O Sonoro Maxín. Teatro Municipal de tui
  • 21.30 GZ / 20.30PT. Orquestra Galego-Portuguesa da Liberación, Concerto de Apertura. Teatro Municipal de Tui
  • 23:30 GZ/22:30 PT. Pálida. Espazo Off (Tui)

SEXTA-FEIRA 10 SETEMBRO

VALENÇA

  • 10:00 PT/11:00 GZ: FALADOIRO Festivais: creando experiencias arredor da música. Zona PRO
  • 11:00 PT/12:00 GZ SHOWCASE. Xacobe Martínez Antelo Quinteto. Auditório Zona PRO
  • 11:45 PT/12:45 GZ: FALADOIRO Diferentes fórmulas de apoio á cultura. Zona PRO
  • 15:00 PT/ 16:00 GZ: FALADOIRO As salas de concertos, un referente no sector. Zona PRO
  • 16:30 PT/ 17:30 GZ. SHOWCASE Jorge da Rocha. Zona PRO Valença)

TUI

  • 19:30 GZ /18:30 PT SHOWCASE Silvia Penide. Praza de San Fernando (Tui)
  • 20:15 GZ / 19:15 PTSHOWCASE. Barry White Gone Wrong. Teatro Municipal de Tui
  • 21:00 GZ/20:00 PT SHOWCASE Conjunto! Evite. Praza de San Fernando (Tui)
  • 21:45 GZ/ 20:45 PT, Familia Caamagno. Teatro Municipal de Tui
  • 23:00 GZ/22:00 PT emmy Curl. Espazo Off (Tui)

SÁBADO 11 DE SETEMBRO

  • 12:00 GZ/11:00 PT. SHOWCASE. TAKATUM presenta Ah!Ah!Ah! Praza de San Fernando (Tui)
  • 12.45 GZ/11:45 PT. SHOWCASE MAGÍN BLANCO E A BANDA DAS APERTAS. Praza de San Fernando (Tui)
  • 15:00 PT/ 16:00 GZ.SHOWCASE KÁUSTIKA. Fortaleça (Valença)
  • 15h45 PT / 16:45 GZ.. SHOWCASE. Pulpiño Viascón. Fortaleça (Valença)
  • 19:00 GZ/ 18:00PT. La Duendeneta: Os Camiños das Músicas Galegas. Paseo da Corredoira (Tui)
  • 21:00 PT/ 22:00 GZ. Galandum Galundaina + Uxía. Concerto de clausura, Cortinas de São Francisco (Valença)

Deja un comentario.

Tu dirección de correo electrónico no será visible. Los campos obligatorios están marcados con *

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable Sthela María Táboas González.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Sthela María Táboas González.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad