A alcaldesa felicitou hoxe a María Luisa Domínguez polo seu recente nomeamento agardando manter unha reunión oficial no tocante ao proxecto de supresión do paso a nivel do Porriño
Eva García, alcaldesa do Porriño, envioulle esta mañá unha carta a María Luísa Domínguez, a nova presidenta do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias -Adif-, polo seu recente nomeamento, consecuencia da última remodelación ministerial realizada polo presidente do Goberno.
Na misiva, a rexedora porriñesa maniféstalle “unha alegría especial” polo seu nomeamento porque “é contigo e co teu equipo cos que vimos tratando a eliminación do paso a nivel, e polo interese amosado neste asunto” indica Eva García.
A alcaldesa solicítalle expresamente á nova máxima responsable de Adif “manter unha reunión oficial cando teñas un oco na axenda, para aclarar algunhas cuestións pola posible incidencia dos prazos, ou incluso, a reformulación do proxecto que está a realizar a consultora Priointec”.
Dase a circunstancia de que nas últimas reunións que Eva García mantivo con Adif en Madrid, para dinamizar o proxecto de supresión do paso a nivel, María Luísa Domínguez, en condición de directora de Planificación Estratéxica e Proxectos, foi a interlocutora principal da alcaldesa do Porriño nun clima de excelente cordialidade e colaboración.