Jorge Coira recollerá mañá o premio Pedigree en Cans e dexiará a súa pegada no Torreiro das Estrelas
Ian Gibson manterá un coloquio co público no Torreiro sobre o filme ‘Donde acaba la memoria’, tras chegar hoxe á vez que Xosé Manuel Beiras á parroquia porriñesa. Ambos acudiron para presentar os documentais nos que participan.
O Festival de Cans entrega mañá venres os seus premios de honra. O director Jorge Coira, a veciña de Cans e acordeonista Marisol González, e o actor Tamar Novas, subirán na noite de mañá -21.30 h.- ao escenario do Espazo Estrella Galicia da Leira do Río para recoller os galardóns. A entrega dos premios chegará logo de dous días cheos de actividades.
Xa hoxe, o historiador británico Ian Gibson chegou ao Festival Cans á vez que o economista e político compostelán Xosé Manuel Beiras. Esta tarde, no Centro Cultural Municipal do Porriño, presentáronse por primera vez ao público senllos documentais nos que participan. Gibson e Beiras celebraron o encontro e expresáronse admiración mutua. Con eles estaban, entre outros, os directores das películas que xeraron a coincidencia.
O documental ‘Beiras, vivir dúas veces’, proxectouse esta tarde na ‘Tarde Coira’ que o Festival de Cans lle adica a Jorge Coira. O cineasta galego dirixiu a película xunto ao seu irmán Pepe Coira e ao tamén realizador Gaspar Broullón. O filme é, aseguran, “unha película con Beiras, non unha película sobre Beiras”.
Gibson traballou da man do realizador vigués Pablo Romero-Fresco durante 7 anos para rodar ‘Donde acaba la memoria’, o documenal no que volve a Las Hurdes detrás dos pasos de Luis Buñuel alí. Mañá venres, o público tamén poderá falar co hispanista no Torreiro de Cans sobre o documental ‘Donde acaba la memoria’, asistir á retrospectiva de curtas do director brasileiro Kleber Mendonça Filho, ou presenciar a estrea da longametraxe ‘9 fugas’, do director vigués Fon Cortizo. O día acabará co concerto de Maika Makovski.
Mañá venres celebrarase a Noite das Homenaxes, tan emblemática coma entrañable no Festival de Cans. A Asociación Cultural Arela, organizadora do certame, recoñece cada ano co Premio Pedigree, o seu máximo galardón, a traxectoria e achegas ao cinema e ao sector audiovisual dun profesional. É o caso de Jorge Coira neste 2021. Ademais de recibir o premio, o tamén director de’Eroski Paraíso’, deixará pegada a súa estrela no Torreiro ás 21.30 horas, (Hai máis información sobre os premios no documento ao que leva este enlace).
Cos Chimpíns de Prata, Arela premia a persoas que destacan polo seu apoio á celebración do Festival ou pola promoción e difusión do mesmo. O Chimpín de Prata Divina Campos é este ano para a veciña de Cans e acordeonista Marisol González, un referente na aldea e unha das almas do tradicional roteiro sonoro de Cans. Ademais é compositora xunto ao profesor Álex Balbuena de dúas pezas musicais que xa son un himno en Cans: “A Felisiña” e “Acuque de Cans”.
O actor Tamar Novas recibirá o Chimpín de Prata Pepe Puime por xogar un imprescindible papel de apoio ao Festival no sector cinematográfico e nas redes sociais.
COLOQUIOS E CONVERSATORIOS
O coloquio que o historiador británico Ian Gibson manterá co público de Cans no Torreiro é outra das citas máis agardadas do Festival este ano. Estará precedido -na noite de hoxe xoves- pola proxección de ‘Donde acaba la memoria’, a película de Pablo Romero-Fresco na que Gibson volve a Las Hurdes detrás dos pasos de Luis Buñuel.
Moito antes, ás 10 da mañá, celébrase o primeiro dos catro coloquios e conversatorios sobre diferentes temas relacionados co cinema que se celebrarán mañá venres no Baixo de Carlos. Será o Café con CREA, no que baixo o título “Labitis, a febre Lab” catro realizadores falarán sobre a nova febre dos ‘laboratorios’ de filmes en construción. Participan Guillermo García López, Jaione Camborda, Álvaro Gago, e a israelí Inbar Horesh.
O segundo dos conversatorios da mañá será o “Diálogo interxeracional” que manterán, dentro dos Coloquios AISGE, os actores galegos Tamar Novas e Celso Bugallo. O actor pontevedrés, cuxas interpretacións en filmes coma ‘Los lunes al sol’ ou ‘Mar adentro’ son inesquecibles, acaba de publicar as súas memorias.
Xa ao mediodía, e na sección ‘A qué andas?’, cinco cineastas presentarán os seus proxectos de guión. Pola tarde, será o tempo dos ‘Fillxs de Cans’: realizadores que dende os inicios das súas carreiras están vencellados ao Festival, falarán dos seus vindeiros proxectos. Participan Alfonso Zarauza, Nuno Beato, Marcos Nine, Andrés Goteira e Jaime Camino.
BO CINEMA
E mañá proxectarase, coma sempre no Festival de Cans, o mellor cinema.
Ás 18 horas, no Baixo de Bugarín, chega a estrea en salas do filme “9 Fugas”, de Fon Cortizo. Na película, e a partir da sinfonía improvisada por unha orquestra, cóntanse nove historias. A cinta xa pasou por festivais coma o de Shangai e foi premiada no FicXixón. Antes da proxección, Lar Legido, un dos músicos que participan na longametraxe, fará unha performance de percusión pola aldea. Comezará no Torreiro e chegará ao Baixo de Bugarín para comezar a proxección.
A partir das 20.30 horas, e tamén no Baixo de Bugarín, poderá verse a retrospectiva de curtametraxes do director brasileiro Kleber Mendonça Filho. O realizador estará presente nas proxeccións, coas que se completa a retrospectiva da súa obra. A semana pasada, no Centro Cultural Municipal do Porriño, proxectáranse as súas longametraxes. Mendonça Filho manterá un diálogo co público de Cans este sábado ás 12 horas no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río.
A xornada remata co primeiro dos grandes concertos do XVIII Festival de Cans, o de Maika Makovski. A cantante mallorquina interpretará temas do seu último álbum, ‘MKMK’, e tamén algunhas das súas cancións máis coñecidas. Makovski, cantante seguida por unha inmensa minoría, tamén é cinemna. Combina a súa propia carreira musical coa composición de bandas sonoras para filmes. Tamén presenta na canle La 2 de TVE o programa ‘La Hora Musa’.