![](https://porrinodigital.es/wp-content/uploads/2021/09/Depo-Archivo-Homenaxe-Teixeira-2.jpg)
Carmela Silva trasladou á familia e amizades do adestrador desaparecido “todo o agarimo da corporación provincial e das traballadoras e traballadores da Deputación da que Fran formaba parte”
A Deputación de Pontevedra expresou onte á tarde, en nome da corporación e de todo o seu persoal, o pesar e as condolencias polo falecemento de Fran Teixeira, traballador da institución provincial amais de histórico adestrador de balonmán galego e estatal durante máis de 30 anos e protagonista indiscutible neste deporte na provincia.
Carmela Silva, trasladou “todo o noso agarimo a súa familia e amizades” e lamentou a desaparición de Fran ao que definiu como “un grande do balonmán, un grande defensor do deporte de base na Deputación e unha moi boa persoa. Recordareino sempre e o meu agradecemento é infinito. Ata sempre amigo!” ” dixo a presidenta provincial.
Este mesmo verán Fran Teixeira recibiu, na sede da Deputación en Vigo, o recoñecemento das súas compañeir@s da institución provincial nunha homenaxe ao que se uniu o mundo do balonmán, do deporte e do xornalismo na que participaron xogadores aos que dirixiu, os presidentes das Federacións Española e Galega e compañeiros de adestramento.
![](https://porrinodigital.es/wp-content/uploads/2021/09/Depo-Archivo-homenaxe-Teixeira-1.jpg)
Fran Teixeira foi historia do balonmán, o técnico máis laureado do balonmán galego e adestrou á maioría dos equipos da provincia como o Teucro de Pontevedra, o Octavio de Vigo ou o Chapela, o seu último equipo durante 14 anos, amais do Santa Cristina, o Lavadores, o Lalín ou o Mercantil; e en Portugal ao Sporting de Lisboa.
Teixeira tamén viviu a época dourada cando a provincia de Pontevedra foi coñecida como a Milla de Ouro do balonmán e cando ata catro equipos xogaron xuntos na Liga Asobal. Coa súa morte desaparece un adestrador referente, un traballador apaixonado e un defensor a ultranza do deporte.