Sabela Landín 27/08/2021
Acadar

A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR), entidade membro de COGAMI, lanza unha enquisa para coñecer como afectou o impacto do COVID-19 ás mulleres con discapacidade, coas restricións tomadas e a obriga de facer uso das novas tecnoloxías para teletraballar, para estudiar e formarse, para manter o contacto con outras persoas, para realizar compras, pagos ou outro tipo de xestións de carácter administrativo.

A excepcional situación xerada pola pandemia puxo de manifesto as distintas barreiras que as mulleres con discapacidade atopan no seu día a día. O propio risco que supón o contaxio do COVID-19 e que efectos pode ocasionar na súa saúde e integridade xunto coas situacións de angustia, medo e estrés de incerteza sobre a evolución da  enfermidade.

O confinamento acrecentou a fenda dixital existente. Unha gran parte da sociedade, sobre todo mulleres con discapacidade, quedaron totalmente illadas con respecto ao resto das persoas por motivos como descoñecemento no manexo das TIC, por vivir nunha zona xeográfica sen infraestruturas apropiadas ou tamén por carecer de mecanismos tecnolóxicos adaptados ás novas necesidades.

Dende ACADAR tamén se quere incidir en que a pandemia obrigou a moitas mulleres a quedar pechadas nas súas vivendas cos seus agresores, agravando as situacións de violencia e poñendo en serio perigo a súa integridade, coa dificultade engadida de non poder saír a pedir axuda.

En canto ao económico, a pandemia obrigou ao peche de moitos negocios coa consecuente situación precaria para as persoas autónomas e empregadas. Esta situación tamén afectou directamente ás mulleres con discapacidade quen viron paralizados durante certo período de tempo o acceso ao emprego e a diferentes recursos, agravando máis a situación difícil que xa vivían antes da pandemia.

Por todos estes antecedentes, dende ACADAR considérase necesario coñecer a nova realidade que deixa a pandemia e que evidencia unha fenda dixital que compromete a calidade de vida das mulleres con discapacidade, dificultando o seu acceso ao emprego, á educación, ao lecer e aos distintos recursos que pola súa situación de discapacidade teñen dereito. Coñecendo o alcance real deste impacto, poderanse definir medidas e accións adaptadas ás necesidades reais das mulleres e garantir a igualdade real de oportunidades. A enquisa está publicada na páxina web da asociación ACADAR www.acadar.org e tamén é posible acceder a ela nos perfís das redes sociais FACEBOOK (@acadar.org), INSTAGRAM @descubrerealidades_acadar) ou contactando no teléfono 674 073 092

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad