A camiñada guiada e gratuíta para observar as aves deste espazo enclavado nos concellos de Cerdedo-Cotobade, A Lama, Forcarei e Beariz terá lugar o 5 de setembro
A Deputación de Pontevedra abriu hoxe, luns, o prazo de inscrición para a segunda das rutas ornitolóxicas programadas dentro da cuarta edición da iniciativa “Voando nas Rías Baixas”, organizada pola institución provincial en colaboración con SEO Birdlife. O obxectivo é dar a coñecer a riqueza ornitolóxica da provincia e concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos. Esta nova ruta, que se desenvolverá o 5 de setembro, permitirá ás persoas que asistan coñecer a riqueza ornitolóxica e paisaxística da Serra do Cando, nos concellos de Cerdedo-Cotobade, A Lama, Forcarei e Beariz. Ofértanse 20 prazas para esta excursión guiada de carácter gratuíto e as persoas interesadas poden anotarse vía electrónica na páxina web da Deputación (https://www.depo.gal/voando-nas-rias-baixas).
Situada a continuación da Serra do Suído, a Serra do Cando é un sistema montañoso da provincia protexido pola Rede Natura 2000 dun alto valor ecolóxico, que se caracteriza pola presencia do lobo ibérico e aves rapaces. As partes baixas da serra teñen fermosos vales e cursos de auga que discorren entre bosques autóctonos ben conservados, cuxos espazos abertos en primavera e verán son sobrevoados por grandes rapaces como o impresionante voitre leonado, a aguia calzada, o abelleiro europeo, a aguia cobreira ou o miñato. As pendentes de monte baixo son territorio da tartaraña cincenta e a gatafornela, así como do lagarteiro común e falcón peregrino, o picanzo vermello, perdiz, tordo charlo ou a laverca.
A excursión estará conducida por dous experimentados guías ornitolóxicos de SEO Birdlife Pontevedra. Como recomendacións para as persoas participantes, aconséllase levar roupa cómoda e calzado apropiado para moverse polo campo, así como protector solar. Cada participante terá á súa disposición prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar das aves sen molestalas. Tamén recibirán como material didáctico unha Guía de aves, así como unha lista de aves para que elaboren a súa lista durante a ruta. No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo recoméndase que os leven, ao igual que unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo. Despois desta segunda ruta, o resto continuarán a partir do mes de outubro, coa camiñada polo Complexo Intermareal Umia-O Grove (O Grove, Sanxenxo, Meaño e Cambados), para a que as persoas interesadas poderán apuntarse desde o día 11 dese mes, mentres que o 14 de novembro celebrarase a actividade na Enseada de San Simón (Redondela, Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa), coas inscricións abertas desde o día 2. “Voando nas Rías Baixas” concluirá o 19 de decembro coa ruta polo Estuario do Río Miño (A Guarda) e pola Foz da Ramallosa (Nigrán). Neste caso, as persoas interesadas poderán anotarse desde o 7 de decembro