A área de Promoción da Autonomía Persoal da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) presenta un balanzo sobre os servizos prestados a persoas con discapacidade e familias durante estes primeiros sete meses de ano.
O servizo de información, asesoramento e orientación, presente en todas as oficinas que COGAMI ten nas sete cidades galegas e tamén nas súas 55 entidades membro, respondeu a un total de 1.103 consultas, número que incrementou con respecto ao ano anterior.
Estas consultas trasládanse por diferentes vías: correo electrónico, atención telefónica e de maneira presencial, solicitando cita previa co/coa profesional de traballo social. Segundo a súa procedencia, o 55% foron realizadas por persoas localizadas na provincia de A Coruña mentres que o 9,8% chegaron dende Lugo; o 6,25% dende Ourense; o 27,4% de Pontevedra e o resto procederon dende fóra de Galicia.
Segundo as temáticas, as máis frecuentes están relacionadas coa obtención do certificado de discapacidade das que se recibiron 292 consultas, 182 foron sobre os procesos para poder acceder a algunha das prestacións económicas por parte da Administración, mentres que 153 están relacionadas co emprego, 128 coa accesibilidade e as barreiras arquitectónicas e o resto son sobre as axudas para a dependencia, produtos de apoio, vivenda, formación, asistencia persoal, voluntariado, lecer, educación entre outras temáticas. Este servizo de Atención Social e Asesoramento Especializado para persoas con discapacidade, financiado a través do 0,7% dio IRPF que xestiona a Consellería de Política Social, está formado por un equipo interdisciplinar de profesionais con ampla experiencia para a resolución de consultas. Calquera persoa con discapacidade, familiares, entidades relacionadas co sector da discapacidade poden trasladar a este servizo, totalmente gratuíto, as súas consultas, denuncias ou queixas