A obra de asfaltado dos últimos 1.164 metros finais da etapa 20 Sanxenxo-Mos está a piques de rematar, segundo informa o Concello mosense.
A piques de rematar a obra de asfaltado na subida ao Castro de Herville, na parroquia de Cela, que comezou onte e que se acomete grazas ao convenio de colaboración do Concello de Mos coa Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia, que financia a execución do proxecto cun orzamento de 100.000 euros.
Deste xeito queda “notablemente optimizada unha estrada pola que, en cuestión de días, pasará La Vuelta Ciclista a España”, sendo o Castro de Herville meta da etapa 20, Sanxenxo-Mos, que se celebrará o vindeiro 4 de setembro. O obxectivo destas obras é a mellora da pavimentación do camiño Salgueiro e estrada subida ao Castro de Herville, na parroquia de Cela.
Os traballos que desde onte se están a realizar nesta estrada son de “regularización do asfalto” e “aplicación de mestura bituminosa en quente nas zonas que presentan un maior deterioro”, di o Concello. Así como o recrecido, “consistente na extensión dunha capa de rodadura de mestura bituminosa en quente, tipo formigón bituminoso de 5 cm. de espesor, con áridos de desgaste, estendida e compactada”.
Previa á extensión de dita capa, realizouse unha limpeza e barrido da superficie, para a posterior aplicación do rego de adherencia con emulsión asfáltica. Tamén será necesario o recrecido das tapas das arquetas e dos pozos. A zona de mellora da pavimentación ten unha lonxitude de 320 metros no camiño do Salgueiro, 844 metros na estrada de subida ao Castro de Herville e zona da praza e accesos do alto de Herville; e un ancho medio de 5.80 metros.